Román Rodríguez avanza ante o Consello Escolar de Galicia a revisión e actualización do programa E-Dixgal para adecualo aos novos contextos

A Consellería iniciou xa o proceso, logo do acordo parlamentario acadado por unanimidade de todos os grupos, con fin de afondar no modelo híbrido galego, onde papel e tecnoloxía se complementan

“Farémolo da man de toda a comunidade educativa cunha proposta baseada en evidencias científicas, con sentidiño, dialogada e consensuada”, explica o titular de Educación

Xov, 13/03/2025 - 19:21
consello escolar

O Goberno galego revisará e actualizará o programa E-Dixgal co fin de adecualo ás novas realidades e á lóxica evolución social e pedagóxica. Así o expuxo hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a reunión do Consello Escolar de Galicia, onde avanzou que o seu departamento iniciou xa “un procedemento estratéxico de revisión” deste programa coas achegas do conxunto da comunidade educativa, “tal e como figura no programa electoral e logo do acordo parlamentario acadado recentemente por unanimidade entre todos os grupos da Cámara galega”. Román Rodríguez fixo fincapé na aposta da Xunta por un modelo híbrido de ensino, que se quere reforzar agora, onde se combina o ensino tradicional cos novos desafíos dixitais, tal e como fixa legalmente a Unión Europea. 

Cómpre lembrar que o programa E-Dixgal é unha ferramenta máis, voluntaria por parte dos centros educativos, dentro do amplo abano de accións dispoñibles ao abeiro da Estratexia de educación dixital 2030. Logo de máis de dez anos de funcionamento, ao longo dos cales se foron mellorando aspectos relativos á formación do profesorado e aos contidos, entre outros, cómpre reformular o modelo para garantir un correcto equilibrio na adquisición das competencias do alumnado, así como na igualdade de oportunidades nun mundo cada vez máis tecnificado. 

“A realidade dixital dentro e fóra da aula é hoxe moi distinta á de hai unha década, cando foi ideado o programa”, explicou o conselleiro, quen defende que “é o momento” de afrontar unha nova adaptación do modelo. “Farémolo da man do conxunto da comunidade educativa”, subliñou. 

Así pois, a Xunta avoga por mellorar o funcionamento do sistema sobre a base de “estudos e evidencias científicas e con sentidiño” e a través dun proceso “dialogado e consensuado” como o que está levando a cabo a Consellería. Non en balde, ademais da xuntanza de hoxe do órgano onde están representandos todos os membros da comunidade escolar, a Consellería xa mantivo tamén encontros específicos con representantes das anpas e das direccións dos centros educativos. 

Nova lei, decretos e protocolo

Este proceso enmárcase na futura Lei de educación dixital, un marco normativo pioneiro a nivel europeo co que a Xunta regulará a partir de 2026 os dereitos e deberes da comunidade educativa en material dixital. Román Rodríguez informou ao Consello Escolar de Galicia do proceso de elaboración e obxcectivo desta norma, que esta semana rematou a consulta pública previa cun “éxito de achegas que, de seguro, contribuirán a enriquecelo” e a avalar “a súa solvencia” para afrontar a nova realidade dixital. 

Así mesmo, na reunión, a Consellería informou da tramitación dos novos decretos tanto de formación do profesorado, para seguir mellorando a aprendizaxe permanente dos docentes, como de ordenación da FP, para completar a implantación no segundo curso e modalidades da nova Lei de FP estatal, que este ano comezou con normalidade en Galicia.Tamén se deu conta do novo Protocolo de alertas escolares meteorolóxicas.