A Consellería de Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro o folk de Riobó dentro do ciclo de concertos “ST Música Presente”

A violinista galega Begoña Riobó, presenta este xoves en Santiago, este proxecto musical no que conviven as raíces culturais máis puras con fórmulas actuais

Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki) e Fernando Pérez (frautas e requinta) completan a formación

Destinado á promoción especial de novos discos galegos, este programa continúa coas actuacións de Borja Cao Trío (10 de maio), Ugía Pedreira & Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño)

Mar, 24/04/2012 - 12:35
A Consellería de Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro o folk de Riobó dent
A Consellería de Cultura e Educación ofrece no Salón Teatro o folk de Riobó dentro do ciclo de concertos “ST Música Presente”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Salón Teatro de Santiago o ciclo de concertos “ST Música Presente”, dentro do que este xoves 26 de abril, ás 21.00 horas, actúa o grupo galego de folk Riobó para presentar os temas do seu debut discográfico homónimo, editado polo selo Zouma Records.

Begoña Riobó, unha das violinistas con maior proxección no panorama musical galego, lidera esta formación como primeiro proxecto propio nunha destacada traxectoria artística durante a que formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo e da orquestra folk Sondeseu, entre outras. Ademais do violín, domina outros instrumentos como a zanfona e a arpa céltica, da que é mestra na escola de música tradicional e-Trad de Vigo.

Pero Riobó non é o seu proxecto como solista xa que, canda ela, atópanse catro recoñecidos músicos que atesouran unha sólida bagaxe e son habituais nos principais proxectos de música galega: Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki) e Fernando Pérez (frautas e requinta). O virtuosismo destes músicos á hora de arranxar e interpretar melodías, fieis ás formas e á orixe da tradición galega, converten cada concerto nunha mostra de sensacións, onde conviven as raíces culturais máis puras con fórmulas interpretativas actuais.

Público especializado

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) no espazo compostelán que xestiona a través do Centro Dramático Galego, o programa “ST Música Presente” botou a andar en 2010 coa prioridade de lles ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial. Así, os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia. Os concertos ábrense, así mesmo, a todos os espectadores interesados, para os que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.

O de Riobó será o segundo dos concertos desta cuarta entrega do ciclo, trala actuación ofrecida o pasado 20 de marzo pola banda marinense Liorna. As próximas citas de “ST Música Presente”, que conta coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), terán lugar o 10 de maio, coa presentación de The future is green, o novo traballo discográfico de Borja Cao Trío; o 7 de xuño, co concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins no que interpretarán en directo os temas de Acrobata; e o 14 de xuño, coa actuación do trío musical Loaira.

Todos os concertos deste programa teñen lugar ás 21.00 horas. As entradas para o de Riobó están á venda a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse o mesmo día da actuación a partir das 19.00 horas.

Menús News node R

Tema