A FP galega amosa na Feira Previsel o seu compromiso coa innovación na formación do alumnado

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP leva a este evento simuladores de realidade virtual centrados en emerxencias sanitarias

Mér, 12/03/2025 - 14:01
Previsel

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP amosa o potencial da Formación Profesional na 18ª edición de Previsel, o Salón da prevención e a seguridade laboral que se celebra hoxe e mañá no recinto feiral de Expourense. Alí, o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en colaboración co Centro Integrado de FP A Carballeira, ofrecerá actividades innovadoras dirixidas a estudantes e profesionais do sector sanitario.

Están organizadas sesións con simuladores de realidade virtual centradas en emerxencias sanitarias e dirixidas a estudantes e profesionais deste ámbito, co obxectivo de proporcionarlles ferramentas avanzadas para a súa formación e desempeño profesional. Os participantes poderán vivir unha experiencia inmersiva de 360º en emerxencias sanitarias para mellorar a súa capacidade de resposta e realizar a través da realidade virtual triaxe en emerxencias para clasificar pacientes segundo a gravidade das súas lesións. 

A presenza da FP galega neste salón reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa innovación e a calidade na formación dos futuros profesionais, adaptándose ás necesidades actuais do mercado laboral e fomentando a cultura da prevención desde a etapa formativa.

O evento en Expourense

Previsel é un evento consolidado como referente no ámbito da prevención e seguridade laboral en Galicia. Conta cun programa amplo que inclúe conferencias, mesas redondas e exposicións de produtos relacionados coa prevención e seguridade laboral, onde están sectores representados desde a formación e organismos públicos ata a saúde, seguridade, equipamento e prevención. O horario deste evento, que se celebra no recinto feiral de Expourense,  é hoxe de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas e mañá de 10,00 a 14,00 horas.