Preto de 7.500 alumnos de bacharelato preséntanse ás probas de competencia dixital impulsadas pola Xunta
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, supervisa o desenvolvemento das mesmas no Instituto IES Pontepedriña, de Santiago
Galicia é a primeira comunidade en habilitar este sistema específico para o ensino, acreditando ao profesorado e aos estudantes, tal e como establece Europa
Preto duns 7.500 alumnos de 2º curso de Bacharelato de toda Galicia realizan estes días nos seus respectivos centros as probas de competencia dixital impulsadas pola Xunta de Galicia co obxectivo de que certifiquen o seu nivel de coñecemento e destreza neste eido. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está aliñada co obxectivo da UE de acadar que en 2030 un mínimo do 80% da poboación conte con competencias dixitais.
Precisamente a finalidade destas acreditacións é garantir a axeitada formación e preparación do alumnado e dos docentes para afrontar os novos retos da sociedade, enmarcado na Estratexia EduDixital 2030 que fomenta un modelo de aprendizaxe híbrido en Galicia, onde o dixital e o analóxico conviven e se complementan ao longo do ensino.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Instituto IES Pontepedriña para supervisar a realización destas probas por parte do alumnado deste centro compostelá. A representante da Consellería de Educación destaca que a meirande parte dos alumnos que se presentan, supéraas, acadando así esta certificación moi relevante para a procura dun emprego no futuro, de acordo co marco normativo establecido en toda Europa. De feito, o curso pasado, o primeiro que se poñía en marcha este sistema, lograron acreditar o B2 completo un total de 6.264 estudantes de Bacharelato, o 91% dos presentados.
Cómpre subliñar que Galicia é a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, procedemento que se puxo en marcha por primeira vez o pasado curso e que beneficia tanto ao profesorado como aos estudantes. Grazas a el, todo o alumnado que remata a ESO obtén automaticamente o nivel A2 de iniciación en competencias dixitais, mentres que o que remata Bacharelato obtén o B2 parcial. Este é o nivel mínimo determinado polos currículos. A maiores, ofrécese unha proba -como a que están realizando os alumnos do Instituto de Pontepedriña- para que os estudantes poidan demostrar un nivel superior en base aos coñecementos adquiridos.
O desenvolvemento das probas para acreditar o nivel intermedio consiste en superar cinco áreas: procura e xestión de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.
Tamén en FP e outras ensinanzas
O alumnado de FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas de Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas tamén poderán acreditar en Galicia as súas competencias dixitais desde o sistema educativo.
Os titulados nestas ensinanzas obterán un certificado de iniciación ou intermedio do seu desempeño neste eido, podendo acreditar as súas habilidades por tres vías: titular nunha das devanditas ensinanzas, superar unha proba específica ou combinando ambas opcións. No caso dos docentes, xa acadaron acreditación case 33.300 profesores.