A Consellería de Cultura e Educación impulsa as iniciativas de celebración do Día do Libro nas bibliotecas escolares de Galicia
Máis de 40 centros educativos contan cunha programación especial estes días
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco do Plan LÍA 2010/2015 para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe, impulsa as iniciativas que se están a desenvolver hoxe nas bibliotecas escolares dos centros educativos galegos co gallo da celebración do Día Internacional do Libro. Neste contexto, alumnas e alumnos de máis de 40 centros - desde Escolas de Educación Infantil ata IES- espallados por toda Galicia gozan durante todo este mes de abril de diferentes actividades de fomento do hábito lector coas que, ademais, se conmemora Día Internacional do Libro Infantil, lembranza da data de nacemento de Hans Christian Ándersen.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén actualizar o seguinte enderezo http://www.http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/444edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/444, un espazo web onde poder consultar as actividades que as bibliotecas escolares programan para este mes.
Actividades variadas
Desde contacontos- de maneira individual ou colectiva, coa axuda de títeres... - ata maratóns de lectura, pasando pola representación de obras literarias, e elaboración de diferentes versións dos contos clásicos, os membros da comunidade educativa achéganse este mes ás bibliotecas escolares para compartir enriquecedoras experiencias arredor dos libros. De feito, en centros da Mariña luguesa as nais e os pais que expoñen os libros favoritos da súa mocidade, e noutros centros prodúcense apadriñamentos e amadriñamentos lectores entre alumnado de diferentes idades. Ademais celébranse encontros con creadores, presentacións de libros, feiras de libros de segunda man, obradoiros relacionados coa lectura ou entrega de premios aos alumnos e alumnas máis lectores, entre outras actividades.
Doutra banda, a lectura entra en contacto estes días coas diferentes disciplinas artísticas, a través da organización nas bibliotecas de concursos exposicións de todo tipo: de fotografía relacionados coa lectura, de ilustración, de marca páxinas ou de soporta libros, cartaces conmemorativos, elaboración de libros de artista... e un longo etcétera. Así mesmo elabóranse e proxéctanse vídeos sobre a lectura, realízanse programas de radio sobre libros, e incluso se deseñan ‘monumentos ao libro’ ao estilo das esculturas de Alicia Martín.
Estas iniciativas dan mostra do bo facer das bibliotecas escolares galegas a prol do fomento da lectura entre os máis novos e entre o conxunto da comunidade escolar, impulsando un hábito de recoñecidos beneficios para a mellora dos resultados académicos.