Cultura e Educación organiza unhas xornadas formativas para guías turísticos sobre o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer aos informadores os valores e contidos que se transmiten neste centro de arte rupestre, para que estes profesionais poidan ofrecer aos potenciais turistas unha información rigorosa e de calidade

Estas xornadas desenvolveranse do 7 ao 8 de maio no propio Parque. En total ofértanse un total de 50 prazas, que son gratuítas e o prazo para apuntarse remata o 2 de maio

Lun, 23/04/2012 - 17:28
Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza o 7 e 8 de maio as I Xornadas de Formativas para Guías e Informadores Turísticos sobre o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, que serán de carácter gratuíto. A través destas xornadas, que están homologadas pola Secretaría Xeral de Turismo,  preténdese dar a coñecer aos informadores e guías turísticos os principais valores e contidos que se transmiten no Parque Arqueolóxico, como fórmula para que os referidos profesionais poidan ofrecer aos potenciais turistas unha información rigorosa e de calidade.

A Consellería promove estas xornadas co obxectivo de dar a coñecer aos profesionais relacionados co sector turístico o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre para que poidan difundilo co máximo rigor e claridade posible. Os asistentes coñecerán a oferta cultural, educativa e lúdica xerada polo Parque Arqueolóxico para que poidan informar aos visitantes do Parque de maneira precisa, así como transmitir a información sobre os petróglifos e o seu contexto arqueolóxico.

Doutra banda, preténdese transmitir aos participantes a fraxilidade da arte rupestre e a necesidade de garantir a súa transmisións ás xeracións futuras, promovendo actitudes positivas cara á súa preservación. Asemade, explicarase a importancia patrimonial e científica dos petróglifos galegos no contexto europeo. Estas xornadas están coordinadas polo director do Parque Arqueolóxico, Jose Manuel Rey García.

Os interesados en participar nestas xornada formativa deberán de remitir unha solicitude de participación ao enderezo electrónico info@paar.esantes do 2 de maio,data límite para a presentación das mesmas. O Parque Arqueolóxico porase en contacto cos admitidos aos efectos de confirmar a súa participación. En total ofértanse 50 prazas, se o número de solicitudes superaran o número ofertado, primarase a orde de chegada das solicitudes e a participación daqueles solicitantes que teñen unha titulación relacionada co contido da visita ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.

As Xornadas estrutúranse nunha parte teórica na que se amosarán os principais contidos relacionados coa oferta cultural, educativa e lúdica que se ofrece no Parque Arqueolóxico, e outra práctica consistente nunha visita guiada na que se porán en práctica os contidos tratados na xornada previa. A asistencia completa a estas dúas xornadas proporcionará a homologación das mesmas para os guías de turismo de Galicia, por un total de 13horas de formación, aos efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, de 1 de febreiro.

Para obter máis información sobre estas xornadas pódese consultar o web: http://www.paar.es/homeG.html

Un centro para coñecer o berce da nosa civilización

Situado en Campo Lameiro (Pontevedra), o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) é un equipamento cultural único para coñecer unha das máis características e primitivas manifestacións artísticas de Galicia: os petróglifos, signos e figuras gravadas nas rochas. A visita ao Parque Arqueolóxico desenvólvese a partir do acceso a tres espazos diferenciados: un suxestivo e innovador espazo expositivo situado no interior do Centro de Interpretación, a área arqueolóxica anexa, de 22 hectáreas de extensión, na que podemos pasear e observar un conxunto excepcional de estacións rupestres nunha paisaxe moi semellante á do seu contexto orixinal; e unha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, entre as parroquias de Paredes e Praderrei, é a suma de dous recursos complementarios. Dunha banda, o Centro de Interpretación e Documentación, concibido como centro de referencia para a investigación e conservación dos nosos petróglifos e como un espazo para o ocio intelixente. Doutra banda, existe unha extraordinaria paisaxe cultural, de case 22 hectáreas de extensión, na que se observa un importante conxunto de petróglifos integrados por máis de oitenta paneis.

Menús News node R

Tema