A Xunta felicita ao CIFP As Mercedes de Lugo polo selo internacional de eficiencia enerxética que vén de acadar cun modelo exportable a outros centros
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa no acto de entrega da distinción de calidade de AENOR que certifica o seu bo facer no eido da sustentabilidade educativa
Nestes momentos o centro está traballando en optimizar o seu sistema de xestión enerxética a través da incorporación da intelixencia artificial
A representante da Consellería de Educación tamén visita a empresa Durán Maquinaria Agrícola, para explorar novas vías de colaboración no eido da FP
A Xunta de Galicia felicita ao Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes, de Lugo, como exemplo de xestión e eficiencia enerxética das súas instalacións, que o fixeron merecedor do selo internacional de calidade ISO 50001 de AENOR.
Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, á toda a comunidade educativa deste centro durante o acto de entrega desta certificación que avala o resultado dun intenso traballo que comezou hai 12 anos grazas, especialmente, ao labor do alumnado e o profesorado do Ciclo formativo de Eficiencia enerxética.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou que o camiño percorrido por As Mercedes no eido da eficiencia enerxética “de seguro vai ser un espello no que se miren o resto dos centros educativos”. De feito, o centro lugués xa está coordinando un proxecto colaborativo para axudar a outros centros de Galicia e do resto de España a implantar este sistema de xestión.
A implantación da norma ISO 50001 nas Mercedes é o resultado dun traballo iniciado en 2012 cando o centro arrancou co seu primeiro sistema de xestión enerxética tras ganar a primeira competición nacional de eficiencia enerxética. Esta proposta inicial foise implementando, optimizando e perfeccionado ao longo do tempo ata o día de hoxe, acadando unha significativa redución do consumo enerxético e unha maior sustentabilidade.
Non obstante, o logro desta distinción de calidade a nivel internacional supón un impulso para seguir mellorando a eficiencia enerxética a través das novas posibilidades que abre o emprego da intelixencia artificial. Nestes momentos, o CIFP traballa na aplicación da IA para o control intelixente da calefacción e a iluminación.
Colaboración en FP con Maquinaria Agrícola Durán
Na súa visita a Lugo, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, tamén se achegou ás instalacións de Durán Maquinaria Agrícola onde, xunto cos responsables da empresa, explorou novas vías de colaboración no ámbito da FP, coa que xa colabora esta compañía.
Neste momento estase estudando a posta en marcha dun proxecto de FP Dual Intensiva centrado na maquinaria agrícola para unha ducia de alumnos da man desta empresa. Para iso, poderían empregarse as súas instalacións, contando co seu material e co apoio dos seus técnicos na formación dos estudantes.
A representante da Consellería de Educación agradeceu á compañía a súa colaboración e destacou a importancia de que firmas referentes como Durán Maquinaria Agrícola contribúan a mellorar a formación dos estudantes. “As situacións reais de traballo que viven os alumnos nestes talleres constitúen unha preparación para o mercado laboral que é imprescindible e que inflúe dun xeito decisivo na súa empregabilidade”, salientou a directora xeral.
Desde o curso 2020/21 a empresa lucense formou nos seus talleres un total de 14 alumnos dos ciclos formativos de Automoción, Electromecánica de vehículos automóbiles e Mantemento de vehículos, tanto na modalidade de FP Dual Intensiva como nas prácticas clásicas. Todos eles cursaban a FP no Instituto IES de Curtis e no Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo). Ao longo deste mes de marzo está prevista a incorporación de sete novos estudantes.