A Fundación Galtia ofrecerá salarios competitivos e estables con avaliacións intermedias a investigadores de prestixio mundial que se trasladen a Galicia

O conselleiro de Ciencia reúnese con representantes dos centros de coñecemento nos que poderán traballar os científicos do exterior captados co novo programa

Esta fundación de atracción de talento de alto nivel quere captar 30 científicos en cinco anos para contribuír á investigación e a ciencia da Comunidade

Xov, 06/03/2025 - 16:22
Grupo de persoas reunidas e sentadas en mesas formando unha U, co conselleiro no centro

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión cunha trintena de representantes de centros de coñecemento galegos para planificar e activar a nova Fundación Galtia, destinada á atracción de talento científico excelente que actualmente traballan noutros países e en áreas de coñecemento estratéxicas para Galicia. O obxectivo marcado pola Xunta de Galicia é captar a 30 investigadores en cinco anos.

 

O titular do departamento de Ciencia, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asegurou que a Fundación Galtia ofrecerá salarios competitivos e estables aos investigadores que decidan trasladar o seu país de residencia e desenvolver a súa actividade científica en Galicia. “Os contratos serán atractivos e de longa duración”, sinalou Román Rodríguez, quen puntualizou que para garantir a excelencia e a competitividade “os investigadores terán que realizar avaliacións intermedias para ver o grao de cumprimento do seu traballo e manter o alto nivel dos mesmos”.

 

Na reunión, na que participaron representantes dos centros de investigación universitaria da Rede CIGUS, dos centros tecnolóxicos, de organismos públicos de investigación dependentes da Xunta de Galicia e de fundacións sanitarias, déronse a coñecer detalles sobre a Fundación Galtia. Esta é a segunda reunión que mantén o conselleiro con entidades e institucións que estarán implicadas na captación de científicos excelentes, tras reunirse recentemente cos reitores das tres universidades públicas galegas. Con esta rolda de contactos, a Consellería de Ciencia quere dialogar con todo o ecosistema da I+D+i galega para implicalo no desenvolvemento da Fundación Galtia, pois os investigadores captados integraranse en centros e unidades de investigación xa existentes para reforzar o traballo que se realiza na Comunidade.

 

Posta en marcha en 2026

A Fundación Galtia conta cun investimento de máis de 35M€ e prevé un retorno económico estimado de 117M€, o que supón multiplicar por 3,3 a achega pública realizada. O Goberno galego quere asegurar, así, unha integración harmónica e o máximo aproveitamento de sinerxías para impulsar a competitividade e a excelencia a través desta fundación de atracción de talento. Ao longo deste ano traballarase nos aspectos administrativos necesarios para facer da Fundación Galtia unha realidade no 2026 e lanzar ese mesmo ano a primeira convocatoria de captación de científicos.