A Xunta dota ao CIFP A Xunqueira do equipamento máis punteiro da industria da madeira
A directora xeral de FP e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitan a aula de procesos produtivos, un dos 115 espazos de tecnoloxía aplicada cos que contará Galicia este ano
Este é o segundo espazo destas características no centro pontevedrés, que tamén conta cunha aula especializada en vehículos híbridos e eléctrico
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta mañá a aula tecnolóxica de procesos produtivos na industria da madeira do Centro Integrado de FP A Xunqueira, habilitada ao abeiro da convocatoria de espazos de tecnoloxía aplicada do Goberno galego.
Os representantes da Xunta puxeron en valor a importancia deste programa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para dotar os centros dos equipamentos máis punteiros en función dos seus proxectos. Neste sentido cómpre lembrar que é o centro educativo o que presenta un proxecto concreto e, a partir da convocatoria, obtén fondos para mercar a tecnoloxía necesaria para poñelo en marcha.
O novo espazo do CIFP A Xunqueira está deseñado para proporcionar unha experiencia educativa que mimetiza diversos procesos da industria da madeira mediante o uso da tecnoloxía. O obxectivo principal é que o alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento, Carpintaría e moble e Instalación e amoblamento interactúen en escenarios simulados para optimizar a toma de decisións en diferentes situacións laborais reais.
Simuladores, robótica e software 3D
A aula está dotada con simuladores avanzados que permiten aos estudantes achegarse a procesos como o serrado ou o mecanizado, o que lles permite practicar sen riscos e sen necesidade de adquirir materiais físicos. O equipamento inclúe tamén software 3D cad cam para realizar calquera operación de mecanizado, brazos robotizados que se poden usar como unha máquina fresadora de 5 eixes ou na aplicación de produtos de acabado. Ademais conta con sistemas de corte por láser, centros CNC de pequeno tamaño ou impresoras 3D para simular procesos como a elaboración de prototipos ou a construción industrializada.
Este é o segundo espazo de tecnoloxía destas características no CIFP A Xunqueira, que tamén conta cunha aula especializada en vehículos híbridos e eléctricos baixo o nome Fórmula E.
115 espazos este ano
Na actualidade o sistema educativo galego conta cun total de 80 espazos de tecnoloxía aplicada repartidos por toda a xeografía galega e xa está en marcha a convocatoria de 2025 para sumar a esta rede outros 35 espazos e chegar a un total de 115.
O programa ten como obxectivo converter aulas tradicionais de FP en espazos de tecnoloxía aplicada que simulen as contornas laborais, nas que se poidan empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos baseados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais.
Estas aulas están relacionadas coas distintas familias profesionais presentes na FP galega, permitindo o achegamento do alumnado desde os centros educativos á realidade produtiva dos sectores produtivos máis relevantes. Cada espazo de tecnoloxía recibe un importe de 55.000 € para a execución do proxecto.