A Consellería de Cultura e Educación celebra o recoñecemento aos autores e o sector editorial galego que supoñen os Premios da Irmandade do Libro

O secretario xeral de Cultura participou hoxe no acto de entrega da vixésimo primeira edición destes galardóns

Sáb, 21/04/2012 - 21:31

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou hoxe a súa satisfacción polo recoñecemento que supoñen os Premios Irmandade do Libro aos autores e sector editorial galego. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á entrega destes galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo primeira edición, e que son outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia. Anxo Lorenzo foi ademais o encargado de entregarlle a Agustín Fernández Paz o premio ao Libro do Ano 2011, como autor de Non hai noite tan longa.

Ao acto foron convidados os representantes da sociedade galega implicada no traballo de promoción e desenvolvemento do libro e da lectura en galego en particular e da nosa cultura, en xeral.

Ademais do premio entregado polo secretario xeral de Cultura a Agustín Fernández Paz, os XXI Premios da Irmandade do Libro recaeron no CEIP de Riomaior (Pontevedra), na modalidade de Centros de Ensinanza; na Real Academia Galega, na de Institucións; na Biblioteca Central Rialeda (Oleiros), na de Fomento da Lectura; e en Cartabón (Vigo), na de Librería.  Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro, foi galardoada como a Obra Editorial do Ano 2011; e Gonzalo Navaza levou o premio na modalidade de Autor.

O obxectivo destes premios é recoñecer e premiar  o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego, desenvolvido por persoas, entidades e institucións da sociedade galega durante o ano 2011.

 

Menús News node R

Tema