Cultura e Educación leva as actividades de ‘FalaRedes’ a once concellos da Rede de Dinamización durante a fin de semana

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta pola colaboración entre as administracións locais e a autonómica para levar a cabo accións de dinamización do galego por todo o territorio

‘Titerehop’, ‘O señor das dunas’ e ‘Galego de cine’ chegan aos concellos de Guntín, Outeiro de Rei, Bueu, Soutomaior, Oroso, Carral,Vilagarcía de Arousa, Cambados, Lalín, Ames e Vilalba

‘FalaRedes’ achegaralle á Rede de Dinamización Lingüística un total de 250 actividades ata finais de ano

Dom, 22/04/2012 - 11:07
Cultura e Educación leva as actividades de ‘FalaRedes’ a once concellos da Rede
Cultura e Educación leva as actividades de ‘FalaRedes’ a once concellos da Rede de Dinamización durante a fin de semana

As actividades de promoción do idioma que compoñen FalaRedes continúan a percorrer Galicia. Esta fin de semana, o programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará aos concellos de Guntín, Outeiro de Rei, Bueu, Soutomaior, Oroso, Carral, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Lalín, Ames e Vilalba. Os once municipios, adheridos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), recibirán as tres actividades gratuítas que compoñen FalaRedes, e que levan colleitado un grande éxito no primeiro seu mes de andaina.

‘Titerehop’

Os adolescentes terán a oportunidade de aprender as artes do hip-hop a través dun profesor de luxo, García MC, cantante de Dios ke te crew, na actividade ‘Títerehop’. Unha vez composto algún tema musical e practicadas as rimas, os titiriteiros de Viravolta impartirán un obradoiro de monicreques, no que cada mozo deberá crear a súa propia marioneta cantora. Desta volta, os mozos de Lalín, Ames e Vilalba interpretarán con el as súas propias cancións, que se gravarán en vídeo. O resultado poderase comprobar en http://titerehop.wordpress.com/ e na canle www.youtube.com/titerehop.

‘Galego de cine’

A lingua galega promocionarase nas idades máis temperás a través de ‘Galego de Cine’, de paso por Guntín, Outeiro de Rei, Bueu e Soutomaior. Nunha pequena caravana convertida en sala de cinema os pequenos serán espectadores das mellores curtametraxes en galego. A continuación, darán o salto á grande pantalla cun videomatón conducido polo revisor das palabras, no que entre todos os asistentes crearán unha historia. Todos os contos inventados ao longo do programa colgaranse na web www.galegodecine.org e na canle www.youtube.com/galegodecine. Ao remate do programa, unha votación electrónica aberta determinará a mellor historia e todos os integrantes do grupo gañador recibirán cadanseu libro e dvd do Soldadiño de Chumbo, editado por Galaxia, e que forma parte da carteleira da actividade.

‘O señor das dunas’

Pequenos e maiores poderán acudir ao espectáculo ‘O señor das dunas’, orientado a toda a familia. A actividade, que recalará estes días en Oroso, en Carral, en Vilagarcía de Arousa e en Cambados, é un contacontos exercido por un vello bibliotecario que deleita coas súas historias ao auditorio mentres un discípulo recrea as súas fazañas na area.

FalaRedes percorrerá Galicia a través da RDL

A través destas tres accións, o departamento de dirixe Xesús Vázquez busca promocionar o galego en distintas idades aproveitando o tempo de lecer e suponlle aos concellos que integran a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia un complemento importante nas súas propias programacións de actividades de fins de semana e festivos.

As actividades previstas para as próximas semanas poden consultarse xa no web de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/calendario_falaredes_2012 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R