A Xunta e as universidades lanzan CIGUS.GAL para difundir os centros de investigación en todo o mundo
A iniciativa forma parte das actuacións de visibilización e promoción do excelente labor destes centros, aos que o Goberno galego leva destinados preto de 68 M€
A Rede CIGUS está integrada por dez centros de investigación das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, dos que forman parte 1.600 investigadores
A Xunta de Galicia e as universidades públicas galegas lanzan cigus.gal, unha nova web coa que promocionar en todo o mundo o labor dos centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS. A través dela, nun formato actual e accesible, pódese coñecer polo miúdo o traballo dos dez centros das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña que conforman esta rede.
Dispoñible en galego, castelán e inglés, conta con numeroso material audiovisual onde achegarse á tarefa dos investigadores, o funcionamento e estrutura da rede, así como outros detalles. A plataforma permite consultar as liñas de investigación e os proxectos que está desenvolvendo cada centro de investigación e as cifras que resumen a súa actividade e o impacto que xera. Ademais, ofrece datos de contacto de cada un deles.
A web, que conta tamén cun apartado para coñecer o programa de actividades, formación ou accións transversais nas que participan os centros e os investigadores, aspira a reforzar a visibilización da Rede CIGUS como estratexia de promoción exterior, que fomente a nivel internacional a I+D+i excelente das universidades públicas galegas.
Esta iniciativa súmase ao amplo abano de accións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, sempre da man das propias universidades, leva a cabo para potenciar o ecosistema investigador vencellado a estas e reforzar o seu posicionamento e internacionalización como estrutura galega de referencia nesta materia.
Un retorno económico de 180 M€
A Rede CIGUS, un modelo único en España e cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, conta con máis de 1.600 investigadores e logrou captar máis de 180 M€ en proxectos competitivos nos últimos catro anos. Isto supón un importante retorno económico nunha rede á que o Goberno autonómico leva destinados preto de 68M€. De feito, na convocatoria actual, na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporaron, increméntase un 31% a achega da Xunta.
Os centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS son cinco pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), tres pola Universidade de Vigo (UVigo) e dous pola Universidade da Coruña (UDC). En concreto, pola USC son o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).
Pola UVigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM).
Finalmente, pola UDC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Plan de I+D+i
O impulso que está a realizar o Goberno galego para reforzar e posicionar a Rede CIGUS está contemplado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que vén de aprobar a Xunta de Galicia. Este plan é a folla de ruta a seguir nos vindeiros anos co obxectivo de darlle á ciencia galega o impulso que precisa para posicionarse como un referente internacional. Está dotado con 1.310 M€ para medidas centradas no talento, na transferencia de coñecemento, nos servizos públicos e na especialización.