Cultura e Educación celebra o Día Internacional do Libro a través dunha programación especial nas bibliotecas nodais

Múltiples actividades fomentarán a lectura entre o público nos centros da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense durante a vindeira semana

Ás visitas escolares e ás guiadas para adultos, así como aos clubes de lectura engádense novidades como o servizo de préstamos de e-books na González Garcés da Coruña

Dom, 22/04/2012 - 10:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida ás galegas e galegos a celebraren o Día Internacional do Libro cunha programación especial que se levará a cabo nas bibliotecas nodais de toda Galicia na semana que comeza o 23 abril. Obradoiros, contacontos, mostras de libros e actividades de bookcrossing son algunhas das iniciativas que propoñen as bibliotecas públicas de Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña para fomentar a lectura entre o público máis novo.

Ao longo de toda a semana os distintos centros ofrecerán visitas guiadas para dirixidas a escolares e adultos, co obxectivo de amosar os distintos servizos das bibliotecas, o seu  funcionamento e unha selección de libros curiosos. Xunto a estas actividades tamén están programados diversos obradoiros e contacontos para aqueles que se acheguen ata as bibliotecas nodais.

Na Coruña

Dentro deste amplo programa de actividades, a Biblioteca Pública González Garcés da Coruña celebra o Día internacional do Libro inaugurando o día 23 o servizo de préstamo de e-books a domicilio e en sala – neste último caso, cargados con preto de 1.000 títulos-. O mesmo día desenvolveranse actividades de bookcrossing - ás doce e ás cinco da tarde-, nas que se liberarán libros destinados a adultos.

Ademais de luns a xoves Marina Mayoral ofrecerá nesta biblioteca nodal da Coruña o obradoiro teórico-práctico O proceso da creación literaria , no que se analizará o proceso da creación, e as transformacións que se suceden desde a realidade á obra ou desde a idea á súa realización. A actividade, de 20 horas de duración, desenvolverase en horario de mañá - de dez a unha do mediodía- e de tarde - de cinco a sete-.

Creación na Ánxel Casal de Santiago

Pola súa banda a Ánxel Casal de Santiago de Compostela ofrecerá o luns 23 ás nenas e nenos de 5 anos en diante a posibilidade de crear o seu propio libro nun obradoiro que se desenvolverá na sala infantil ás 18.30 horas.

Ademais, a nodal de Santiago amosará este luns os seus recunchos a todos os asistentes ás visitas guiadas extraordinarias que se desenvolverán ás doce da mañá e ás seis da tarde.  Con posterioridade ao Día do Libro, o mércores 25 de abril, farase un sorteo de lotes de libros entre todos aqueles usuarios que levasen un exemplar en préstamo o día 23.

Contacontos en Ourense e Pontevedra

A actividade de Contacontos será a protagonista da celebración na Biblioteca Pública de Ourense, a cargo de Susana Villar, e na Antonio Odriozola de Pontevedra, a cargo de María Campos de Migallas Teatro con Contos nos cestos.

Ademais na biblioteca pontevedresa presentarase o libro Café só, de Anabel Alonso, o venres ás 19.30 horas.

Biblioteca Pública de Lugo

As actividades na Biblioteca Pública de Lugo comezarán mañá coa inauguración do novo servizo A colección accesible a todos, con libros deletra grande, audiolibros, películas con subtítulos para xordos, libros de lectura doada, libros en braille. Ao longo de todo o mes estará a mostra bibliográfica Leo, leo..., que les? , sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro; e Libros de bibliófilo, unha recompilación de exemplares únicos e curiosos do fondo bibliográfico da biblioteca para conmemorar o día do libro.

No mesmo espazo estará presente a mostra interactiva sobre a vida e a obra de Celso Emilio organizada pola Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad. Tamén estará a exposición Presente, pasado e futuro da comunidade xitana en Lugo, organizada pola Fundación do Secretariado Xitano de Lugo.

Ademais realizaranseactividades de animación á lectura como Unha maleta chea de contos, da man da Asociación cultural Cucarandainas; contos multilingües para nenos en galego, castelán, inglés, francés e lingua de signos; e os Contos con ovos de Pablisimo.

Nodal de Vigo

Na Biblioteca Nodal de Vigo as actividades organizadas con motivo do Día Internacional do Libro comezarán mañá ás 20.15 horas na hemeroteca co recital da poetisa Daisy Villalobos. O martes os nenos de un a seis anos poderán viaxar ás terras orientais coa historia vietnamita O gato sol ás 18.00 horas na sala infantil.

Para o 26 de abril os pequenos de ata tres anos poderán coñecer as historias dunha fraga encantada a través de O bardo e a Xacia; mentres que o día 27 e os magos David e Anxo Rojo estrearán ás seis da tarde na sala infantil o espectáculo Streetmagic Galicia. Xa o sábado, ás doce da mañá Cucarandainas será o encargado de entreter a nenas e nenos de máis de 4 anos cos Contos pequenechos; ao tempo que na sala de audiovisuais, María Villar leerá o conto para adultos O Rei Anllo, dentro dun obradoiro dedicado ao cómic.

Con todas estas actividades os centros bibliotecarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra en toda Galicia o Día Internacional do Libro que comezará as súa programación coa presentación que mañá fará o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, do facsímil do libro Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade na cidade olívica.