O conselleiro de Cultura e Educación salienta o labor de innovación pedagóxica desenvolvido pola Escola Rosalía de Castro en Vigo nos seus 50 anos de andaina

Xesús Vázquez Abad acompañou aos membros da comunidade educativa deste centro no acto de celebración do seu aniversario

Sáb, 21/04/2012 - 22:28

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o labor de innovación pedagóxica da Escola Rosalía de Castro (Vigo) durante o seu medio século de andaina, nun acto no que acompañou aos membros da comunidade educativa deste centro na celebración do 50 aniversario do mesmo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou o carácter pioneiro desta escola, fundada por Antía Cal Vázquez, que fora o primeiro centro escolar en ofrecer, dun xeito regulado e pedagóxico, a lingua inglesa. O centro supuxo ademais un foco de irradiación progresista das novas tendencias pedagóxicas na cidade olívica.

Así mesmo, cualificou o centro como un paradigma á hora de establecer e pór en marcha programas educativos e de convivencia. “Un exemplo de implicación e interese dos docentes e das familias a prol dos estudantes, preocupacións nas que coinciden coa administración educativa galega, desde a que se pretende que todos os escolares teñan acceso a unha educación baseada na calidade, a igualdade e a liberdade”.

Neste sentido o conselleiro salientou o papel da educación nos alicerces de todo cambio cara á mellora, e sinalou a importancia de recuperar valores  como o respecto, a tolerancia, o esforzo, a igualdade ou a convivencia pacífica.

Polo seu traballo nesta liña, Vázquez Abad agradeceu ao equipo directivo, ao profesorado e á ANPA do centro o seu papel e a súa implicación na tarefa da constante mellora da calidade educativa.

No acto presentouse o libro conmemorativo 50 anos da Escola. Ademais, interviñeron tamén a fundadora, Antía Cal, e o actual director do centro, Rafael Gutiérrez. A celebración amenizouse con actuacións musicais de alumnos e ex alumnos do centro.

Medio século de escola

A Escola Rosalía de Castro abriu as súas portas en setembro de 1961 na rúa Pizarro, con 31 alumnas e alumnos e tres mestres, entre os que se atopaba a propia fundadora. Ao longo do seu medio século de andaina a escola mudou de ubicación, trasladándose no ano 1962 a Gran Vía, e en 1976 ás súas instalacións actuais en Pedra-Bembrive.

A escola contou co apoio de diferentes personalidades coñecidas, como Celso Emilio Ferreiro e a súa dona Moraima, Ramón María Aller, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Valentín Paz Andrade e Marta Mata, entre outros. A propia Antía Cal desenvolveu o labor docente no centro desde a súa fundación ata a súa xubilación en 1988.