Cultura e Educación apoia a investigación en lingua galega a través do certame Condado de Pallares e o traballo Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada

A Obra foi premiada no IV Certame de Investigación Condado de Pallares, que recibe o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Na presentación do libro, o secretario xeral de Política Lingüística destacou a capacidade do galego para ser vehículo eficaz na realización e divulgación de calquera tipo de investigación

Sáb, 21/04/2012 - 13:45
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de presenta
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de presentación do libro

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de presentación de Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada. Séculos XV-XVIII, obra coa que José Luís Díaz-Castroverde resultou gañador do IV Certame de Investigación Condado de Pallares, apoiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención no acto, que tivo lugar na Casa do Concello de Taboada, o secretario xeral sinalou o valor deste certame e mais da obra premiada na súa IV edición para o progreso da investigación en lingua galega. En palabras de García Gómez, o galego é “un idioma válido e eficaz para abordar calquera tipo de investigación e, por suposto, para a investigación sobre a nosa cultura”. Neste sentido, destacou que “o galego fómolo construíndo colectivamente ao tempo que construïamos a cultura e por iso recolle máis naturalmente ca ningunha outra lingua as sutilezas e matices que comporta”.

Canda Valentín García, participaron no acto de presentación José Luís Díaz-Castroverde, autor do libro; Mario Outeiro, deputado provincial de Cultura e Deportes; Xosé Xesús Ramos Ledo, xefe territorial de Educación; Jesús Carreira, alcalde de Guntín; Ramiro Moure, alcalde de Taboada e Carlos Vázquez, presidente da asociación.

Apoio á investigación en galego

Valentín García agradeceu a contribución do autor, José Luís Díaz-Castroverde, á investigación de calidade en lingua galega, así como a capacidade da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, impulsora do certame que premiou o seu traballo, para “aglutinar vontades de institucións públicas e privadas arredor dun proxecto común que supón a promoción da lingua propia de Galicia”.

García Gómez declarouse satisfeito de ter unha ocasión máis de colaborar con entidades locais -coma a Deputación de Lugo e os concellos de Taboada e de Guntín- na promoción do galego, un tipo de “colaboración que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva adiante, fundamentalmente, a través da Rede de Dinamización Lingüística, á que por certo pertencen os dous concellos promotores desta iniciativa”. Así mesmo, reafirmou o compromiso do departamento que dirixe coa investigación en lingua galega, polo que ofreceu a súa colaboración “con cantas entidades estean dispostas a remar connosco en dirección ao futuro do noso idioma”.

Certame de Investigación Condado de Pallares

O certame de Investigación Condado de Pallares, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, premia cada ano unha obra de investigación en galego sobre arte, antropoloxía, lingua ou etnografía, co fin de afondar no coñecemento e nos valores materiais e inmateriais da cultura galega. Os traballos premiados deben centrarse nalgún ámbito desta vencellada aos concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo, antigamente pertencentes ao Condado de Pallares.

Na IV edición do premio colaboraron, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Obra Social Caixa Galicia, a Deputación de Lugo e os concellos de Guntín e Taboada.

Menús News node R