O Centro Integrado de FP Vilamarín recoñece as mellores iniciativas nas ensinanzas de Hostalaría na primeira edición dos Premios ‘Toxiño D’Ouro’

A directora xeral de FP e o delegado territorial da Xunta en Ourense participan na entrega e destacan o papel da FP como canteira e motor de innovación e crecemento do sector

Mér, 26/02/2025 - 14:35
Toxiño D'Ouro

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe na entrega da primeira edición dos Premios Toxiño D’Ouro, cos que o Centro Integrado de FP Vilamarín recoñece ao alumnado, profesorado e persoal non docente de Hostalaría e turismo

Os representantes da Xunta salientaron a importancia destas ensinanzas para o sector. “Os centros que imparten os ciclos desta familia profesional son canteira dos mellores establecementos hostaleiros de Galicia e funcionan, ademais, como motor de innovación e crecemento”, destacaron. Así mesmo, felicitaron o CIFP de Vilamarín por esta iniciativa e por ser un centro referente na FP e na profesionalización da hostalaría na nosa comunidade.

Ambos puxeron en valor este evento como unha gran oportunidade ”para que os estudantes adquiran competencias reais que serán fundamentais para o seu futuro laboral”. Non en balde o certame, organizado polo ciclo superior de Aloxamentos Turísticos do CIFP de Vilamarín, pretende converterse nunha ferramenta de avaliación práctica para o alumnado, ofrecéndolles a oportunidade de planificar e xestionar un evento real, en colaboración co Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros e con outros centros educativos, que se encargaron da maquillaxe, música, gravación e servizo de comida do evento.

Os Premios Toxiño D’Ouro recoñecen os mellores proxectos, traxectorias e iniciativas no ámbito da gastronomía, a sala e a xestión hoteleira, consolidándose como un referente na formación profesional galega.

Os galardóns e premiados son os recollidos na seguinte táboa:

Categoría

Premiados

Alma máis viaxeira (Turismo)

Stephany Iglesias Granadillo (alumna de Xestión de aloxamentos turísticos)

Heroe do servizo impecable (Servizos en restauración)

Álvaro García-Boente (alumno de Dirección de servizos de restauración)

Alquimista dos sabores (Cociña)

Jacobo Leira Pintos (alumno de Cociña e gastronomía)

Mago da masa (Panadaría e pastelaría)

Nerea Carballo García (alumna de Panadaría, repostaría e confeitaría)

Actitude Verde (Agraria)

Carlota Suárez Medina (alumna de Dirección de cociña con oferta parcial de Produción agroecolóxica)

Frautista de Hamelín (Profesorado)

David Cuñarro (Profesor de Cociña e pastelaría)

Alma positiva e colaboradora (Persoal non docente)

Modesto (Intérprete de linguaxe de signos)

Honorífico 1

Isabel López Rodríguez (Profesora de Hostalaría e Turismo)

Honorífico 2

Xenxo Pereiro López (Profesor de Cociña e pastelaría)

 

Ademais da entrega de galardóns, a xornada incluíu demostracións culinarias, relatorios de expertos e diversas actividades que fomentaron o intercambio de coñecementos e experiencias entre os asistentes.