O conselleiro de Cultura e Educación acompaña á comunidade educativa do CEIP de Mallón no XXV aniversario do centro

Xesús Vázquez Abad salientou a firme aposta deste colexio pola educación en valores

Sáb, 21/04/2012 - 12:18
O conselleiro de Cultura e Educación acompaña á comunidade educativa do CEIP de
O conselleiro de Cultura e Educación acompaña á comunidade educativa do CEIP de Mallón no XXV aniversario do centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañou hoxe aos membros da comunidade educativa do CEIP Mallón (Nigrán, Pontevedra) nos actos de conmemoración do aniversario do centro, ocasión que aproveitou para felicitar “ao profesorado, alumnado, persoal da administración e servizos, familias, antigas profesoras e profesores, alumnas e alumnos que durante dúas décadas e media aproveitaron a experiencia educativa deste centro”.

Neste sentido salientou a firme aposta do CEIP Mallón “pola educación en valores, dotando ao alumnado das calidades básicas na construción da súa personalidade individual e social. “O éxito do voso labor está ben á vista, nos milleiros de persoas que saíron destas aulas e que hoxe son adultos responsables, íntegros, preparados cultural e persoalmente para formar parte da sociedade na que viven, para contribuír a facer deste mundo, o seu, o noso, un lugar mellor”, engadiu.

Ademais Vázquez Abad salientou a figura da mestra Gelu Casal, docente no centro desde a súa apertura, “que segue transmitindo coñecementos e experiencias e á que o alumnado, o actual e o pasado, estima e respecta”. O conselleiro tivo tamén palabras de recoñecemento para Maribel Nogueiras, a primeira directora, presente no acto.

O conselleiro animou aos membros da comunidade educativa do colexio a continuar traballando en equipo a prol da calidade educativa, o que  é”esencial para o desenvolvemento dunha democracia madura, o principal vector da competitividade económica dun país”, así como a “trabe de ouro da nosa sociedade, a pedra angular do benestar social e das políticas de progreso económico”.

Evolución cara a modernidade

O CEIP Mallón abriu as súas portas en setembro do 1986, con máis de 500 alumnas e alumnos e 24 docentes, dando así resposta ás necesidades educativas da zona, cuxa taxa de natalidade tiña experimentado un importante incremento.

Ao longo da súa traxectoria a comunidade educativa do centro ten traballado arreo para mellorar os servizos que ofrece, tal como o comedor escolar, en plena actividade, no que a Consellería inviste neste curso máis de 35.400 euros, cos que se dá servizo a 54 comensais. Ademais o departamento educativo da Xunta de Galicia achega máis de 32.200 euros para o transporte escolar do colexio.

Así mesmo, o centro conta cunha moderna biblioteca na que o polbo-mascota ‘Tentalibrín’ axuda a fomentar o hábito lector entre os estudantes. Cómpre lembrar que a Consellería ten achegado 4.450 euros a este espazo para a mellora dos seus fondos e instalacións, así como para o impulso das actividades que nela se realizan.