A Consellería de Cultura e Educación apoia o labor de promoción da lectura da IV Feira do Libro de Lalín

Xesús Vázquez Abad visitará mañá este evento

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, leu hoxe o pregón na inauguración do encontro, que se celebra ata o vindeiro luns na capital do Deza

A cuarta edición da feira comeza hoxe da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, a través do obradoiro Títerehop

Ven, 20/04/2012 - 18:41
A Consellería de Cultura e Educación apoia o labor de promoción da lectura da IV
A Consellería de Cultura e Educación apoia o labor de promoción da lectura da IV Feira do Libro de Lalín

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou hoxe o seu apoio ao labor de promoción da lectura que desenvolve a Feira do Libro de Lalín, que chega este ano á súa cuarta edición, e que recibirá mañá a visita do conselleiro, Xesús Vázquez Abad. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, leu esta tarde o pregón co que arrinca este encontro, no que se darán cita coñecidos autores e no que se potenciará a lectura entre os visitantes a través de diversas charlas e actividades.

O secretario xeral de Cultura salientou que “nestes tempos de dificultades económicas, de traballar arreo para redefinir proxectos e facer viables as liñas principais de traballo coas que sacar adiante a acción cultural que o país merece e necesita, estes espazos de vida e de luz natural para os libros achegan aire e alento”.

Anxo Lorenzo referiuse ás feiras do libro como “paseos libres para os lectores” que se converten “nun lugar especial de emocións, de divertimento e tamén de descuberta”. Así mesmo, animou os veciños e veciñas de Lalín a “a vir a este paseo polos libros” e desexou que “os máis pequenos turren polos pais para participar na iniciativa, porque esa imaxe dos nenos e das nenas asomando o nariz entre as casetas na procura dun conto novo é unha imaxe alentadora para o futuro e cada vez máis frecuente, por fortuna, en feiras, librarías e bibliotecas”.

Dinamización lingüística con FalaRedes

A IV Feira do Libro de Lalín arrinca hoxe da man do programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura e Educación FalaRedes, a través do espectáculo Títerehop, un obradoiro de hip-hop e construción de monicreques no que o coñecido rapeiro galego García MC e os monicrequeiros de Viravolta dinamizarán a actividade que levará os adolescentes a crear a súa propia peza musical.

O programa da primeira xornada pecharase coa intervención da autora da colección Los diarios de Carlota, que charlará con mozas e mozos sobre as relacións de afectividade.

Actividades

Durante a fin de semana pasarán pola feira lalinense autores como Josep Sandoval, Fernando Savater ou o tamén deseñador e ilustrador Anxo Fariña. Así mesmo, intervirá Miguel Vila Pernas, autor de A cociña de Merlín, sobre a gastronomía na literatura de Álvaro Cunqueiro. Ademais haberá xogos tradicionais, animación coa ciclobiblioteca de Anxo Moure e unha ‘charla entre larpeiros’, a cargo dos presentadores do programa da Televisión de Galicia Larpeiros, Tomás Alonso e Benigno Campos.

O programa de actividades completarase o luns coas intervencións de Pepe Carreiro –coas  súas personaxes Os Bolechas–, a charla informativa da doutora en pedagoxía terapéutica Ruth Gómez, o teatro de Viravolta e a entrega do VIII premios Marcapáxinas da Biblioteca Municipal Varela Jácome.

A última xornada será tamén a de promoción dos autores locais, nunha mesa redonda na que tratarán a situación da literatura na comarca do Deza. A feira pecharase cun acto de clausura no que se lerán poemas de Rosalía de Castro.