Cultura e Educación organiza un encontro internacional bretón-galego para representantes e profesionais do sector audiovisual

O director do Festival de Cinéma de Douarnenz, Éric Prémel, ofrecerá en Santiago unha charla coloquio participativa sobre a realidade do cinema bretón

Galicia será unha das rexións convidadas na vindeira edición do certame

Ven, 20/04/2012 - 17:50
Cultura e Educación organiza un encontro internacional bretón-galego para repres
Cultura e Educación organiza un encontro internacional bretón-galego para representantes e profesionais do sector audiovisual

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza un encontro internacional con Éric Prémel, director do Festival de Cinéma de Douarnenez (Bretaña francesa). A charla, organizada coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), terá lugar o vindeiro martes 24 de abril, de 9:30 a 12:30 horas da mañá, na aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia en Santiago. O coloquio está dirixido a produtores, directores e representantes do sector audiovisual galego e contará con tradución consecutiva do francés ao galego e viceversa.

No encontro, o director francés falará sobre o cinema bretón, afondando na súa evolución ao longo da historia, no funcionamento do sistema de axudas nesa rexión, o tipo de cine que produce, as problemáticas culturais, sociais e políticas ás que se enfronta a industria audiovisual alí, entre outros. Doutra banda, o representanteda Consellería, Anxo Quintanilla e o director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Guillermo Escrigas, abordarán estes mesmos asuntos desde o punto de vista do sector audiovisual galego.

Durante a súa visita a Galicia, Prémel, tamén manterá diversas reunións con directores  de festivais e representantes do mundo cultural, artístico e social galego.

Estreitar vínculos

A finalidade deste acto é intercambiar experiencias e opinións sobre a realidade das cinematografías bretoa e galega, así como establecer contactos de cara a futuras colaboracións e coproducións.

Cómpre salientar que Galicia será unha das rexións convidadas a participar - xunto con Asturias, País Vasco e Cataluña- no Festival de Cine de Douarnenez, na edición deste ano, que terá lugar no mes de agosto. Deste xeito, este encontro servirá tamén para estreitar relacións e convidar aos profesionais e especialistas galegos a participar como relatores nalgunhas das actividades que está a preparar o festival para este ano. Non en balde, trátase dun evento que, paralelamente á exhibición de filmes, tamén organiza debates, encontros con cineastas, actores, escritores, xornalistas e profesionais da cultura en xeral de diferentes pobos e rexións ás que cada ano convida a organización.

Traxectoria de Éric Prémel

Éric Prémel é director do Festival de Douarnenez desde 2010 e do Films en Bretagne (Federación Rexional de Profesionais do Cinema e do Audiovisual). Traballou como consultor do Ministerio de Cultura no Midi-Pyrénées sobre a educación na imaxe; e foi profesor universitario na Facultade de Ciencias da Información e da Comunicación da Universidade de Montaigne (Burdeos), onde impartiu docencia sobre cine e produción audiovisual.

Tamén no eido do audiovisual foi produtor no Centro Nacional de Cinematografía (CNC), colaborou no nacemento da Sept-Arte de Canal+, entre outros organismos, e organizou os encontros nacionais sobre as relacións do teatro e o cine ou da danza e o cine co Festival d'Avignon e co Instituto Nacional do Audiovisual (INA).

Prémel tamén é autor de diferentes publicacións sobre a cultura francesa e ten escritos varios textos críticos sobre artistas plásticos. Ademais ten realizado estudos como experto por conta do Ministerio de Cultura como a auditoría técnica da Filmoteca da Danza, e para o Consello Rexional de Bretaña a auditoría da Filmoteca de Bretagne.

Menús News node R

Tema