Celso Emilio Ferreiro entra nos fogares das rúas que levan o seu nome a través dunha campaña de Cultura e Educación

A Secretaría Xeral de Cultura distribuirá a partir de hoxe un folleto informativo sobre o poeta nas 28 localidades de Galicia que lle dedican unha rúa ao escritor, para favorecer un maior coñecemento social da súa vida e da súa obra

Anxo Lorenzo presentou esta mañá a iniciativa na Casa da Xuventude de Ourense, dentro das actividades que programa a Xunta de Galicia ao longo de 2012 para conmemorar o centenario do nacemento do poeta

Co fin de celebrar esta efeméride, a Consellería de Cultura e Educación tamén ten en marcha unha exposición itinerante sobre autor que pode visitarse estes días na biblioteca nodal de Lugo

Ven, 20/04/2012 - 17:17
Celso Emilio Ferreiro entra nos fogares das rúas que levan o seu nome
Celso Emilio Ferreiro entra nos fogares das rúas que levan o seu nome a través dunha campaña de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha hoxe a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a campaña na Casa da Xuventude de Ourense, que está situada na rúa que o Concello lle dedica ao poeta de Celanova. Acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial de Cultura e Educación na provincia, Mercedes Gallego; e pola directora da Casa da Xuventude, Mercedes Valeiras; Anxo Lorenzo explicou que “a iniciativa Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro constitúe unha acción de divulgación da vida e da obra do poeta e política celanovés, dentro das actividades que a Xunta de Galicia programa ao longo deste ano para conmemorar os cen anos do seu nacemento”.

“Sendo como é un poeta popular, ao que moitos se teñen referido como a voz do pobo, polo alto nivel de identificación dos galegos cos seus poemas, parecíanos axeitado programar este ano actuacións que dunha maneira lúdica, orixinal e nova axudasen a coñecer máis o legado que nos deixou Celso Emilio”, afirmou Anxo Lorenzo.

Distribución dun folleto sobre a vida e obra do escritor

Con ese fin de promover a vida e a obra de autor, distribuiranse, a partir de hoxe, nas vivendas de 28 localidades de Galicia un folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira diferente: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.

“En definitiva –concluíu o secretario xeral–, do que se trata é de achegar, fóra dos circuítos habituais de información cultural, unha perspectiva global de Celso Emilio Ferreiro, cun ton e contidos que poidan ser de interese para a cidadanía e, ao mesmo tempo, favorecer entre os veciños que viven nunha rúa que leva o nome do escritor unha maior identificación co que simboliza Celso Emilio”.

A Secretaría Xeral de Cultura comeza hoxe a distribución do folleto na provincia de Ourense, que chegará aos concellos de Ourense, O Carballiño, Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia. Nas próximas semanas continuará o reparto polas diferentes localidades das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo que contan tamén cunha rúa dedicada a Celso Emilio.

Xunto con esta campaña, a Consellería de Cultura e Educación promove ao longo de 2012 outras actuacións de divulgación da obra e da vida do escritor de Celanova, dentro da programación do Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado como tal por unanimidade do Parlamento de Galicia.

Exposición interactiva en Lugo

Nestes momentos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten en itinerancia polas bibliotecas de Galicia unha exposición interactiva sobre o autor. Estes días pode visitarse na biblioteca nodal de Lugo, onde permanecerá ata o 27 de abril. Despois do verán a mostra sobre Celso Emilio Ferreiro percorrerá diversos centros educativos das catro provincias galegas para favorecer o coñecemento da vida e da obra do escritor entre o alumnado de secundaria.

Menús News node R

Tema