Román Rodríguez destaca un investimento de máis de 3 M€ nos centros educativos de Redondela ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

O conselleiro de Educación supervisa o resultado do cambio de fiestras e portas realizado no Colexio CEIP Plurilingüe de Reboreda

Subliña a ampliación do Instituto IES Pedro Floriani, cun orzamento de case 2M€, como a obra máis relevante no concello

Sáb, 22/02/2025 - 14:41
Redondela

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o investimento de máis de 3M€ que o Goberno galego está a facer nos centros educativos de Redondela no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Fíxoo nunha visita ao Colexio CEIP Plurilingüe de Reboreda, onde comprobou o resultado das obras de cambio de fiestras e portas.

Cun orzamento de máis de 326.000€, a actuación supuxo mudar un total de 176 ventás portas. As novas carpinterías son de aluminio con rotura da ponte térmica e dobre acristalamento, o que permite mellorar a eficiencia enerxética e o confort do edificio.

“A Xunta está a acometer unha profunda renovación dos colexios e institutos de toda Galicia a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica e Redondela é un claro exemplo deste compromiso”, afirmou o conselleiro. Sobre isto, sinalou que as obras acometidas nos últimos anos nos centros deste concello “inclúen desde a ampliación dun instituto ata melloras cambios de cuberta e carpinterías exteriores e mesmo unha instalación fotovoltaica”.

Actuacións desenvolvidas

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou como a actuación de maior envergadura a ampliación do Instituto IES Pedro Floriani, que conta cun orzamento de case 2M€ e que está en execución. O remate desta obra está previsto para finais deste curso.

Así mesmo, ademais da obra do Colexio de Reboreda, está rematado tamén o cambio de fiestras do CEIP Outeiro das Penas (375.000€), a renovación do sistema de calefacción por biomasa no IES Mendiño (242.000€), a substitución da cuberta da pista deportiva do CEIP Plurilingüe de Cedeira (124.000€), así como a mellora do illamento térmico e acústico do ximnasio e instalación solar fotovoltaica no IES Illa de San Simón (70.000€), entre outras.