Cultura e Educación resolve as axudas á edición de materiais curriculares para impulsar a lingua galega nas aulas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de resolver a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios

Os obxectivos principais desta liña de axudas son os de potenciar a oferta de materiais educativos en galego e favorecer o tecido da industrial editorial de Galicia

Ven, 20/04/2012 - 16:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de resolver a orde de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 15 de decembro de 2011.

Con estas axudas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende garantir unha oferta ampla e de calidade de material educativo que favoreza a aprendizaxe en galego nas aulas. Asemade, estas subvencións contribúen a apoiar o sector editorial galego, posto que a meirande parte dos proxectos escollidos foron presentados por empresas da nosa Comunidade.

Deste xeito, a Consellería investiu 300.000 euros nesta orde de subvencións destinada á edición de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, tanto en formato impreso como en formato dixital. A convocatoria tamén incluíu a realización de recursos educativos complementarios, isto é, calquera tipo de material que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos.

Apoio ao sector editorial galego

En virtude da resolución destas axudas, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a viabilidade de 132 propostas didácticas das 361 solicitudes que concorreron á concesión das axudas.

As empresas editoriais adxudicatarias das subvencións son un total de quince: Grupo Anaya SA, Edicións Xerais de Galicia SA, Xerme Edicións SL, Vicens-Vives Primaria SA, Ediciones Vicens-Vices SA, Baía Edicións A Coruña SL, Servi-Aca SL, Editorial Rodeira-Edebé, Editorial Luis Vives, Editorial Gárgola SL, Nova Galicia Edicións SL, Caligrama Libros SL, Edicións Obradoiro SL – Grupo Santillana, Editorial Galaxia SA e Glía Edición e Comunicación SL.

O texto íntegro da resolución publicada no DOG pódese consultar no enderezo:  http://www.xunta.es/linguagalega/convocatorias_de_subvencions

Criterios de valoración das propostas

A valoración dos proxectos presentados realizouse, por unha banda, en función da calidade da obra, para o que se tivo en conta a adaptación dos contidos ao currículo establecido, a calidade lingüística, o tipo de actividade, a adecuación á realidade cultural e social de Galicia, a relación dos contidos cos intereses do alumando ao que vai dirixido, o tratamento de valores democráticos e a adecuación da linguaxe ao nivel dos estudantes. Doutra banda, tamén se tivo en conta a orixinalidade da obra, primando as obras de creación propia sobre as de refundición ou adaptación.

Ademais dos criterios mencionados anteriormente, a comisión de valoración das solicitude tamén priorizou as propostas dirixidas aos seguintes ámbitos de ensino: materiais para aulas virtuais (Programa Abalar), materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación profesional inicial e programas de diversidade curricular, educación infantil, áreas de impartición non obrigatoria en galego e materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.

Contribuír á aprendizaxe en lingua galega nas aulas

A través destas subvencións a Consellería de Cultura e Educación contribúe a enriquecer a oferta en lingua galega de materiais didácticos curriculares de calidade e en soportes diversos. Estes recursos favorecen, ademais, a aprendizaxe de distintas materias en lingua galega no sistema educativo non universitario. En consecuencia, contribúen a que o alumnado acade unha competencia plena en galego e semellante á do castelán, tal e como establece a Lei 1/1983, do 15 de xuño de 1983, de normalización lingüística e o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Menús News node R