A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación do Festival do Norte, que se celebra os días 27 e 28 en Vilagarcía

O director da Agadic destacou a traxectoria do evento musical como modelo en canto a calidade, capacidade organizadora, viabilidade e creación de marca

O pop rock español protagoniza esta duodécima edición, que se desenvolverá nos tres escenarios habilitados no recinto feiral Fexdega

Los Enemigos, Fangoria, Love of Lesbian, Lori Meyers, La Casa Azul e El Columpio Asesino son cabezas dun cartel no que figuran un total de 18 grupos e dj’s

Ven, 20/04/2012 - 16:32
A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación do Festival do No
A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación do Festival do Norte, que se celebra os días 27 e 28 en Vilagarcía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación do Festival do Norte de Vilagarcía, que celebra a súa duodécima edición os días 27 e 28 de abril no recinto feiral Fexdega. Consolidado como unha das principais citas do calendario de festivais de música en Galicia, este ano ofrece as actuacións dun total de 18 grupos e dj’s con Los Enemigos, Fangoria, Love of Lesbian, Lori Meyers, La Casa Azul, El Columpio Asesino, Pegasvs e Polock como cabezas de cartel.

Durante a súa intervención no acto de presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, incidiu na traxectoria do Festival do Norte como modelo a seguir no que se refire á súa capacidade organizadora, viabilidade e creación de marca. Estas características transmiten, ademais, confianza cara á concreción de posibles patrocinios privados, facilitando deste xeito a consolidación e continuidade deste tipo de iniciativas.

Nova liña de axudas

Neste mesmo sentido, asegurou que a Agadic continúa apostando polos festivais de calidade, tanto a nivel artístico como organizativo, a través da creación da nova liña de subvencións que convocou esta mesma semana. Coa posta en marcha destas axudas, que reservan un total de 180.000 euros para os festivais música, a Consellería de Cultura e Educación busca optimizar os recursos públicos destinados a estes eventos, de xeito que o orzamento dispoñible sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios cuantificables obxectivamente, así como da valoración do interese, singularidade e relevancia artística e cultural dos seus carteis.

Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía de Arousa, e Pablo Bandín e Antonio Caneda, de Producciones Independientes Culturales, organizadora do Festival, participaron tamén nesta presentación, durante a que Fasero fixo fincapé na combinación entre patrocinio privado, apoio institucional e respaldo do público como a fórmula que garante a viabilidade dos festivais de música.

Como en anteriores edicións, o Festival do Norte celébrase en torno a tres escenarios: o Estrella Galicia, para os grupos cabeza de cartel; o Jack Daniel, onde actuarán Klaus & Kinski, Nancy Rubias, Varry Brava, Los Pilotos, Dirty Socks e Disco Las Palmeras!, e a carpa FDN Dance Club, onde terán lugar as sesións de dj’s.

A venda anticipada dos bonos para os dous días e con dereito a acampada, así como das entradas para cada unha das xornadas, está dispoñible na web www.servinova.com. O recinto, á carón do que se habilita a zona de acampada, abrirase o venres 27 ás 17.00 horas.

Ademais, a Radio Galega ten prevista unha emisión especial de 10 horas desde o festival, que inclúe a participación dos alumnos dos institutos da comarca como protagonistas dun programa que, baixo o título “Busca o teu norte”, se emitirá o sábado pola mañá desde o Auditorio Municipal.

Menús News node R

Tema