A Xunta sinala o Colexio de Crecente como un exemplo da calidade do ensino no rural e da igualdade de oportunidades no acceso aos recursos

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro para comprobar o resultado das últimas melloras realizadas

Ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica investíronse máis de 170.000 en melloras neste colexio, que conta con preto de 50 alumnos e 12 docentes

Xov, 20/02/2025 - 18:34
Crecente

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das últimas obras realizadas no Colexio CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro da localidade pontevedresa de Crecente a través das que se renovou a cuberta de patio e se mudaron media ducia de fiestras.

No transcurso da visita puxo en valor as melloras nas instalacións dos centros do rural que a Xunta de Galicia está a realizar ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “No marco desta folla de ruta levamos investidos máis de 170.000€ en obras no que é o único colexio de Crecente”, explicou o conselleiro. Ás obras recentemente rematadas súmanse outras realizadas en anos anteriores como a colocación dunha estrutura metálica para cubrir o patio, a renovación da fontanaría e os sanitarios ou a reparación do salón de actos e mellora da fachada traseira.

Román Rodríguez quixo destacar a implicación e compromiso da comunidade educativa do CEIP Manuel Sieiro, no que estudan preto de 50 alumnos e traballan 12 docentes, “o que pon de manifesto que o ensino no rural ten unha gran calidade e está en pé de igualdade no acceso a recursos e iniciativas ca o de centros de maior tamaño“, afirmou.

Ademais de ser plurilingüe e contar cun auxiliar de conversa, este colexio participa nun gran número de iniciativas innovadoras impulsadas desde o Goberno galego, como o programa de impulso de Centros Referentes, “unha das seis liñas de acción do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia que puxemos en marcha este curso para a transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego”, destacou. É tamén moi dinámico no que se refire á biblioteca escolar, na que desenvolven programas como os Clubs de Lectura, Radio na Biblio, Lectura e familias ou Biblioteca Creativa, entre outros.