A Xunta comeza en Fink Orfebres o programa de visitas a empresas para achegar o alumnado das Ensinanzas artísticas ao sector da xoiería e a ourivería
A directora xeral de FP visita a compañía con alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago que completará nela a súa formación
Tamén se difunde entre as empresas o novo itinerario dual de Xoiería e Complementos, titulo pioneiro en España
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe a empresa compostelá Fink Orfebres xunto a alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela. O obxectivo é achegar os rapaces á realidade laboral deste sector, no marco dos convenios asinados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP coa Asociación Ourives de Compostela e o Colexio Oficial de Xoiaría.
Ademais, este programa de visitas contribúe a difundir entre as empresas as competencias que están a adquirir estes alumnos, que cursan o segundo curso do grao en Ensinanzas artísticas superiores de Deseño de Produto no novo itinerario Dual de Xoiaría e Complementos.
Precisamente estes estudantes comezarán o vindeiro curso a súa formación dual en distintas empresas do sector da xoiaría, entre elas Fink Orfebres. Neste programa de visitas teñen a oportunidade observar de primeira man o traballo diario dos profesionais e o ámbito no que se formarán ao longo dos seus estudos.
Ensinanzas pioneiras
O itinerario dual en Xoiaría e Complementos, pioneiro en España, comezou a impartirse no pasado curso 2023/24. Ten unha duración de catro cursos académicos, nos que a formación dual entre a Escola de Artes e a empresa se realiza durante o segundo e terceiro curso. Isto redunda nunhas mellores condicións do alumnado para acceder ao mercado laboral.
Cómpre destacar que estas Ensinanzas artísticas de grao superior son de balde para o alumnado galego desde este curso, grazas á medida de matrícula gratuítas impulsada pola Xunta de Galicia.