A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo celebra a súa ‘I International Week of Arts and Design’
A directora xeral de FP inaugura a iniciativa, que combina actividades formativas, expositivas e de promoción do alumnado, culminando coa Gala Despunte
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración I International Week of Arts and Design da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo celebrado na Facultade de Filosofía, e puxo en valor o labor da Escola na organización destas xornadas que contan cun programa de conferencias, exposicións e actividades de promoción do talento.
“Estamos nun momento no que hai que visibilizar o traballo realizado en Galicia”, subliñou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, destacando que “iniciativas como esta reforzan a formación artística e potencian a inserción profesional do alumnado”. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta coa profesionalización dos estudantes e lembrou que, desde este curso, as ensinanzas artísticas superiores contan coa gratuidade da matrícula.
I International Week of Arts and Design
A I International Week of Arts and Design conecta a comunidade educativa co sector empresarial. O evento inclúe conferencias internacionais, unha xornada de recrutamento de talento e a Gala Despunte, que chega á súa 15ª edición. Ademais, promove a internacionalización grazas á participación de docentes e relatores de países como Albania, Xeorxia, Mozambique, Cabo Verde, Gran Bretaña e Italia.
O programa arrancou o luns coa recepción do profesorado Erasmus incoming, seguida da I International Conferences of Fashion Design, onde expertos abordaron as tendencias e desafíos do sector. A sesión contou coa intervención de Marcos Batuecas, directivo de Lacoste; Pedro Mansilla, sociólogo e crítico de moda; e Silvia Scudella, deseñadora multidisciplinar. Esta primeira xornada estivo dirixida ao alumnado e profesorado do Grao en Deseño de Moda.
Este martes foi a quenda da I International Conferences of Product Design, que reuniu especialistas do ámbito do deseño de produto, como Sinézio Mucoque, profesor na Universidade Eduardo Mondlane de Maputo; Paolo dell’Ellce, deseñador de produto en David Chipperfield Architects; e Paula Camiña Eiras, biodeseñadora e enxeñeira de deseño industrial. Pola tarde, inaugurase na Fundación Eugenio Granell a exposición Despunte, onde o alumnado da escola expón os seus proxectos máis destacados.
A programación continuará o mércores coa Mostra dos Oficios Artísticos. As propias instalacións da escola contarán cun espazo onde centros de secundaria, bacharelato e público xeral poderán coñecer de preto técnicas de fotografía, escultura e xoiaría artística.
O xoves celebrarase a Xornada de Recrutamento de Talento na Cidade da Cultura, onde empresas do sector, entre elas Coosy, El Pulpo, Adolfo Domínguez, Paudepedra, Santos e Tecnologías Marinas, entrevistarán alumnado da escola en busca de novos profesionais. A xornada culminará, coa Gala Despunte, un desfile, que terá lugar tamén na Cidade da Cultura, no que se presentarán os mellores traballos do alumnado e a entrega dos premios
A I International Week of Arts and Design da Escola de e Superior de Deseño Mestre Mateo reafirma o seu compromiso coa excelencia na formación artística, a proxección internacional e a empregabilidade do seu alumnado. Por iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, destaca o papel fundamental destas iniciativas para o desenvolvemento cultural e económico da comunidade.