O conselleiro de Educación reúnese co reitor da UNED para abordar unha posible ampliación de prazas do Máster do profesorado en Galicia
Román Rodríguez agradece a receptividade da Universidade a Distancia como un primeiro paso para seguir analizando esta cuestión desde unha perspectiva técnica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá en Madrid co reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, UNED, Ricardo Mairal, para analizar cuestións relacionadas coa educación superior en xeral e co Máster do Profesorado en particular. O representante da Xunta trasladoulle ao reitor a proposta de ampliar o número de prazas en liña dispoñibles en Galicia para cursar este máster habilitante, unha formación obrigatoria para impartir docencia no sistema educativo español.
A proposta de Román Rodríguez enmárcase dentro das liñas de traballo que o Goberno galego ten abertas ao respecto. De feito, a Consellería de Educación tamén mantén contacto cas tres universidades públicas galegas co fin de acordar un incremento de prazas dispoñibles para o mencionado máster.
Román Rodríguez, que na reunión estivo acompañado do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, agradeceu ao reitor da UNED a súa receptividade como un primeiro paso para poder seguir abordando esta proposta desde unha perspectiva técnica.