Docentes de Murcia coñecen o sistema educativo galego nun programa de intercambio de boas prácticas
O director xeral de Centros e Recursos Humanos recibe a un grupo de profesores desa comunidade e visita con eles o Instituto Rosalía de Castro e o Colexio de Roxos
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, recibiu hoxe un grupo de profesores de Murcia que están a coñecer o sistema educativo galego ao abeiro do programa Observa_Acción de intercambio de experiencias docentes. Ao longo da xornada, visitaron o Instituto IES Plurilingüe Rosalía de Castro e o Colexio CEIP de Roxos, ambos en Santiago.
Procedentes do Instituto IES La Flota (Murcia) e do Colexio CEIP Virgen de las Maravillas (Cehegín), os docentes están a coñecer de primeira man os diferentes programas nos que participan os centros educativos galegos e intercambiar boas prácticas, así como a transformación de espazos que se vén realizando nos centros para adaptalos ás novas metodoloxías de aprendizaxe.
A maiores, por primeira vez, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) acolle a dous profesionais do Centro de Profesores e Recursos de Murcia. Nesta estadía abórdase a xestión do programa nas respectivas comunidades autónomas, así como da planificación da formación do profesorado e o asesoramento, entre outros aspectos.
O intercambio docente con Murcia completarase nas vindeiras semanas con visitas de máis centros desta comunidade ao Colexio CEIP Pío XII e ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Representantes destes mesmos desprazaranse posteriormente a Murcia para realizar as súas correspondentes visitas de observación.
Programa ‘Observa_Acción’
O programa Observa_Acción promove os intercambios de experiencias entre profesores e a creación de redes de aprendizaxe con centros tanto dentro de Galicia como con outras comunidades e países. O obxectivo é implementar innovacións pedagóxicas e promover a mellora continua do ensino. Na convocatoria actual participan 26 centros educativos galegos, que visitan centros de sete comunidades autónomas. Tamén se está a traballar na xestión da observación en centros educativos a nivel internacional.