A Xunta achega ao alumnado de Padrón a oferta formativa na I Feira de Orientación Académica e Profesional

A directora xeral de FP visita esta nova xornada organizada polo Instituto Macías O Namorado da vila na que participan 18 entidades educativas

Mar, 18/02/2025 - 17:16
Padrón

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe a primeira Feira de Orientación académica e profesional de Padrón, organizada polo Instituto IES Macías O Namorado. Esta cita, na que participan 18 entidades educativas, busca axudar ao alumnado a tomar decisións para o seu futuro dando a coñecer a ampla e variada oferta que hai tras as etapas de educación obrigatoria.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia da orientación académica e profesional para guiar ao alumnado no camiño a escoller, algo que recolle o novo Plan FPGal 360, que conta con 60 medidas par reducir o abandono escolar, promover a igualdade de oportunidades e favorecer a empregabilidade. “Un dos obxectivos é reforzar o sistema de orientación profesional e vocacional que permita aliñar as expectativas do alumnado coas necesidades do mercado laboral”, sinalou a directora xeral.

Grazas a este plan os estudantes tamén teñen a súa disposición OPI Orienta, unha nova ferramenta dixital de orientación que, mediante intelixencia artificial, facilita o deseño de itinerarios formativos personalizados e o acceso á información sobre as diferentes saídas laborais.

Preparar o futuro

Durante a visita, Eugenia Pérez puido percorrer os stands de todos os participantes nesta xornada, a que tamén están convidados a achegarse as familias do alumnado. “É alentador ver como a comunidade educativa traballa para orientar, axudar e abrirlle novos camiños aos nosos estudantes, preparándoos así para o futuro”, dixo Eugenia Pérez, que agradeceu o labor dos centros implicados nesta primeira edición da cita en Padrón.

Na Feira de Orientación participan un total de 18 entidades, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas, os institutos Macías o Namorado, o de Valga e o Félix Muriel de Rianxo; o centro integrado de FP Coroso de Ribeira e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, así como a Policía Local, a Garda Civil e outras institucións.