Rueda anuncia que a Xunta aproba a creación dunha nova fundación para captar 30 investigadores de máximo prestixio internacional en cinco anos
Salienta que o obxectivo é “manter Galicia nos postos punteiros do I+D+i”
Contará cun orzamento inicial de máis de 35 M€ nun lustro e un retorno económico estimado de 117 M€, é dicir, que multiplicará por 3,3 a achega pública realizada
O conselleiro de Educación adianta que a primeira convocatoria lanzarase xa a inicios de 2026
Os profesionais poderanse integrar en centros universitarios da Rede CIGUS, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias e organismos de investigación como o Cesga
Trátase da primeira medida do novo Plan de I+D+i, que marca como principal obxectivo reforzar a atracción e retención do mellor talento investigador
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a creación “dunha fundación pública para atraer a Galicia a investigadores de alto nivel de todo o mundo”. Baixo a denominación de Fundación Galtia, comezará a funcionar este mesmo ano coa previsión “de incorporar 30 investigadores de máximo prestixio internacional ata 2030”.
Unha medida que, segundo lembrou Rueda, se enmarca na aposta da Xunta por “manter Galicia nos postos punteiros de I+D+i” e que levou a ser a comunidade con maior incremento na partida para investigación no ano 2023 ou á recente aprobación do Plan de investigación e innovación de Galicia, dotado con máis de 1.300 millóns de euros.
A nova fundación, tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dotarase dun orzamento inicial de “máis de 35 millóns de euros” para o primeiro lustro de funcionamento, período en que se estima obter un retorno económico de 117 M€, o que multiplica por 3,3 a achega pública.
Con este trámite, o Goberno autonómico inicia o procedemento para a posta en marcha desta fundación, coa cal Galicia aspira a dar un salto de xigante no eido da investigación excelente, co fin de reforzar o seu posicionamento. A captación de científicos referentes nas súas áreas de coñecemento a nivel mundial xerará un efecto multiplicador sobre o ecosistema galego de I+D+i, que xa acada na actualidade as súas maiores cotas de prestixio e actividade. Estes investigadores, que poderán acompañarse dos seus equipos a través de liñas de traballo e proxectos previamente definidos, integraranse nas estruturas científicas existentes en Galicia, atraendo recursos e potenciando o seu labor.
En concreto, os investigadores estarán enfocados a iniciativas de alto impacto fixadas no novo Plan de investigación e innovación de Galicia 2025-2027 e o seu perfil estará consensuado antes coas entidades que os acollerán. O obxectivo é que poidan traballar na Rede CiGUS, que agrupa os centros líderes e investigación das tres universidades públicas; nos centros tecnolóxicos que operan na Comunidade afíns a distintos sectores económicos; nas fundacións sanitarias e en organismos de investigación dependentes da Xunta, como o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).
Calendario de traballo definido
Con este fin, ao longo deste 2025 traballarase na construción da fundación, aprobaranse os seus estatutos e iniciarase un proceso de diálogo coas entidades receptoras para determinar cales son os perfís máis relevantes para investigar en Galicia, de acordo coas súas prioridades, e definirase o modelo de cooperación. Deste consenso partirán os convenios de colaboración que se asinarán con elas ao longo dos vindeiros meses.
Garantirase así que a iniciativa se desenvolva en sintonía coas necesidades e aspiracións da comunidade científica, asegurando unha integración harmónica e o máximo aproveitamento de sinerxías para impulsar a excelencia e a competitividade. Unha vez determinados os criterios, un grupo técnico avaliador supervisará o proceso de selección.
Tal e como explicou o conselleiro, a primeira convocatoria “lanzarase xa a inicios de 2026”. Para iso, poranse en marcha este ano os trámites necesarios para captar os cinco primeiros profesionais, seguindo a mesma liña de traballo doutras institucións similares hoxe consolidadas, como ICREA ou Ikerbasque, que arrancaron con esta mesma previsión. A partir de aí, realizarase unha nova convocatoria anual ata completar un elenco de 30 investigadores no ano 2030.
Traxectoria consolidada e impacto global
Coa Fundación Galtia, a Xunta busca atraer persoal investigador que actualmente traballa noutros países, “primando a calidade sobre a cantidade” -destacou o conselleiro-, como corresponde a un proxecto desta envergadura e enfoque. Diríxese a persoas cunha traxectoria consolidada e de impacto global cuxo talento e prestixio poden xerar un efecto tractor en toda a cadea de valor, coa correspondente repercusión na xeración de coñecemento, capacidade de competir en convocatorias de financiamento, publicacións e ránkings internacionais.
Os investigadores recibirán incentivos de promoción, así como un paquete completo de acollida e acompañamento á hora de mudarse a Galicia e toda unha serie de atractivos que supoñan un valor diferencial. Unha vez aquí, o seu traballo repercutirá de maneira moi positiva na Comunidade, ao darlle visibilidade como destino para desenvolver unha carreira científica e atraendo e retendo pola súa vez máis talento de primeiro nivel.
Fundación pública aberta a capital privado
Galtia, que será unha fundación pública e estará aberta a capital privado, dependerá do Goberno galego a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, cunha estrutura administrativa mínima para a xestión das convocatorias. O orzamento inicial establécese en 35 M€, con capacidade para medrar ao longo do seu desenvolvemento. Esta contía destinarase na súa práctica totalidade a financiar as tarefas de captación, aos contratos dos investigadores e de diversos gastos asociados. O custo de xestión será mínimo, dado que a nova Fundación Galtia se integrará nas estruturas xa existentes da Consellería, sen que supoña a construción de novas instalacións.
O talento, prioridade da estratexia da Xunta
Coa aprobación da Fundación Galtia, Galicia segue dando pasos no impulso da ciencia de calidade. É a primeira medida no novo Plan de I+D+i que o Consello da Xunta aprobou hai só dúas semanas, e que fixa o talento investigador como principal obxectivo. “Na Xunta temos claro que sen ciencia non hai progreso”, indicou Rueda. A creación da nova fundación “vai ter un efecto tractor” no eido da investigación, engadiu Rodríguez.
Esta nova liña de traballo reforza e complementa o labor en marcha con iniciativas como o programa Oportunius, que seguirá funcionando para reter e atraer investigadores que obtiveron unha bolsa ERC, as máis prestixiosas concedidas polo Consello Europeo de Investigación. Grazas a Oportunius, deciden permanecer ou trasladarse a Galicia malia recibiren outras ofertas de traballo a nivel internacional.
Tamén se continuará apoiando o desenvolvemento dunha carreira investigadora desde a súa fase inicial (con bolsas predoutorais e posdoutorais con opcións de estabilización) e con todo un abano de iniciativas para consolidarse a través dos grupos de investigación máis competitivos, os centros CIGUS e un crecente ecosistema público-privado de I+D+i.