A Xunta presenta novos contidos educativos dixitais de cREAgal para reforzar a aprendizaxe híbrida
Os recursos, para Matemáticas de 1º de ESO, dixitais van acompañados de materiais complementarios que poden empregarse en papel, así como dunha guía docente
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES As Barxas, en Moaña, para presentar os novos contidos educativos dixitais do programa cREAgal. Tal e como explicou, “trátase de materiais cos que a Xunta de Galicia reforza a aprendizaxe híbrida, dado que o contido dixital vai acompañado de documentación que se pode empregar en papel, incluíndo unha guía docente”.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou, ademais, que son recursos dunha alta calidade e elaborados por docentes, que van dirixidos a distintas etapas educativas e cobren o currículo completo das materias, con actividades de grupo e multinivel.
En concreto, os novos contidos refírense á materia de Matemáticas de 1º de ESO. Plantexan situacións de aprendizaxe para traballar o cálculo de porcentaxes mediante un mapa de busca dun tesouro; afondar nas operacións con fraccións e números decimais respectando a xerarquía a través dunha trama novelesca de intento de asasinato por mor dunha herdanza; introducir aos estudantes á álxebra empregando como elemento motivador as casetas dunhas festas patronais, ou aprender os elementos básicos da xeometría e medida elaborando un panel informativo con descricións e representacións gráficas de edificios de valor histórico e outras construcións singulares.
De forma parella, traballan estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a comprensión de textos formais como testamentos e poñen en valor o patrimonio galego, entre outros.
Recursos abertos
cREAgal é o proxecto a través do que a Xunta está a poñer a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Deste xeito, a iniciativa galega é a única na que estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Proximamente estarán dispoñibles tamén materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º de ESO. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso desta etapa.
Os materiais son de licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.