O Plan FPGal360 dá a coñecer ao alumnado a realidade de empresas punteiras como a biotecnolóxica Zendal

A directora xeral de FP visita xunto con estudantes de centros de Redondela e Pontevedra esta compañía con sede no Porriño que colabora nas prácticas de FP

Lun, 17/02/2025 - 16:03
Zendal

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá a empresa Zendal, onde destacou a importancia do novo Plan FPGal360 de orientación profesional integral para dar a coñecer ao alumnado a realidade das empresas galegas punteiras. “Precisamente unha das liñas de acción deste plan consiste no desenvolvemento de programas de coñecemento e posta en valor das profesións en contornas reais, é dicir, amosarlles aos alumnos que traballos poden facer estudando FP e en que tipo de empresas poden realizalos”, explicou a representante da Xunta de Galicia.

Neste sentido sinalou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP programa visitas de estudantes a empresas punteiras e centros tecnolóxicos de Galicia para coñecer os diferentes perfís profesionais.

Precisamente hoxe visitan Zendal ao abeiro desta iniciativa unha vintena de alumnos de FP do Instituto IES Chapela (Redondela) e do Centro Integrado de FP Montecelo (Pontevedra), dos ciclos de grao superior en Anatomía patolóxica e de grao medio en Farmacia, respectivamente. No seu percorrido, ademais de visitar as instalacións da empresa, falan con dous responsables de produción para abordar as funcións dos diferentes traballadores da compañía.

Colaboración duradeira

A representante da Xunta quixo tamén agradecer á directora xeral da empresa, Vanesa Andrade, a cooperación do Grupo Zendal coa FP desde hai anos, tanto para a realización de prácticas como con proxectos de Dual Intensiva. Nos tres últimos cursos académicos, acolleu 62 alumnos, dos que 44 pertencían aos proxectos de FP Dual Intensiva e 18 ás prácticas formativas convencionais. A maiores está prevista a incorporación doutros 12 alumnos de Dual Intensiva neste curso académico, no mes de abril.

Zendal foi tamén patrocinador das olimpíadas galegas da FP, Galiciaskills, e é unha das empresas que propón retos tecnolóxicos ao alumnado de FP para que os resolvan a través do programa Innovatech.