A Xunta abre o martes o prazo de inscrición para as oposicións de Educación de 2025 con 1.664 prazas

A Consellería de Educación publica mañá no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas, ás que poderán presentarse solicitudes ata o 10 de marzo

Dom, 16/02/2025 - 10:57
Oposicións

A Xunta de Galicia abre este martes o prazo de inscrición nas oposicións de Educación deste ano 2025. O Diario Oficial de Galicia publicará mañá esta convocatoria, que conta con 1.664 prazas, case o 86%, de novo ingreso. Isto supón o máximo do 120% da taxa de reposición permitido pola lei, é dicir, cóbrense 120 postos por cada 100 baixas. O prazo estará aberto desde o 18 de febreiro ata o 10 de marzo, ambos incluídos.

As persoas interesadas en concorrer ás probas, que comezarán o 21 de xuño, deberán presentar as súas solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. Así mesmo, deberá procederse ao pagamento da taxa vixente no momento da presentación electrónica da solicitude.

Das 1.664 prazas, case o 86% (1.424) serán de ingreso libre, 10 para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria.

Por corpos, no de mestre convócanse 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, haberá 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, haberá 230 prazas en 32 especialidades.

As probas desenvolveranse a partir do 21 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán máis adiante. Os requirimentos de titulación para cada un dos corpos, a documentación necesaria, o baremo e todo o procedemento relativo á presentación de solicitudes e posterior desenvolvemento do proceso poderá consultarse na convocatoria.

Como é habitual, o persoal interino e substituto que presta servizos no ensino público galego deberá participar no procedemento selectivo, sempre que se convoquen prazas da súa especialidade, para manter os seus dereitos nas listas.

Reforzo do cadro de profesorado

O obxectivo é consolidar a estabilidade do piar do sistema educativo público, o profesorado, consolidando Galicia como a Comunidade con mellor interinidade docente de España e mellorando as ratios nun contexto de redución do alumnado. A través da promoción interna permite, ademais, o avance na carreira profesional.

A oferta de prazas atende, así mesmo, ás políticas de reforzo que está a aplicar a Xunta en determinadas áreas como a aprendizaxe de linguas estranxeiras (con 157 prazas para Inglés entre mestres e profesores de ensino secundario), a atención á diversidade (con 93 prazas para especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica), o ensino do galego (77 prazas en Lingua e literatura galega), as matemáticas (51 prazas) ou as novas tecnoloxías (con 124 prazas nas dúas especialidades de Informática e 58 en Tecnoloxía).