A Xunta salienta o dinamismo do instituto compostelán Lamas de Abade no impulso de programas científicos, lingüísticos e de intercambio

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro para coñecer de primeira man os distintos proxectos que levan a cabo

Ven, 14/02/2025 - 15:09
IES Lamas Abade

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Instituto IES Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man o desenvolvemento dos distintos programas educativos que desenvolve o centro.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o dinamismo deste instituto en distintas accións relacionadas coas competencias científico-tecnolóxicas, a aprendizaxe de linguas e o intercambio de experiencias didácticas e de innovación educativa, entre outros. Judith Fernández aproveitou para felicitar ao alumnado, ao profesorado e ao equipo directivo do centro polo seu compromiso e bo facer desde as aulas.

Non en balde, o centro imparte o programa STEMBach, Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, unha iniciativa da Consellería para impulsar a educación científica e tecnolóxica nas aulas. Trátase dun programa de dous anos de duración aberto ao alumnado de calquera modalidade de Bacharelato onde se afonda en competencias STEM para fomentar o interese do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica, facilitando o seu primeiro contacto coa universidade.

No eido do plurilingüismo, o IES conta con seccións bilingües en inglés nos tres primeiros cursos de ESO e en 1º de Bacharelato, para o cal dispón dun auxiliar de conversa do total de 665 que prestan servizo este curso nos colexios e institutos galegos co apoio da Xunta de Galicia. Así mesmo, desde 2022 é centro acreditado Erasmus+ polas súas accións de mobilidade internacional. Outro dos eidos nos que conta cunha participación activa é no Plan Proxecta da Xunta a través dos programas Consumópolis e Galicóns, cos que se busca fomentar o consumo responsable, e o Proxecto Didáctico Antón Fraguas.