A maior parte das medidas que propón o Ministerio xa as adoptou a comunidade universitaria galega

A Consellería analizará os novos presos de matriculas e negociará coas universidades dentro da marxe de manobra que se habilite

Xov, 19/04/2012 - 20:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa que das medidas de racionalización do gasto en materia universitaria propostas polo Ministerio, Galicia xa ten adoptado aquelas que redundan nun maior control da execución orzamentaria e dunha maior transparencia. Neste sentido os plans do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte supoñen un espaldarazo á política que ven executando a Xunta de Galicia que habitualmente contou co consenso dos reitores.

Non hai que esquecer que Galicia foi pioneira na posta en marcha dun plan de financiamento do seu sistema universitario, grazas ao consenso conseguido coas tres universidades galegas. Dito consenso proseguiu co decreto de titulacións que regula as ensinanzas universitarias e agora continua coa tramitación do anteproxecto de lei do sistema universitario de Galicia.

Nese sentido, a Conselleria lembra que a nosa Comunidade xa regulamentou o número de titulacións cun número mínimo de alumnos para os graos (50 para os campus centrais, 45 para o resto); 20 para os master e 10 para os programas de doutoramento. Ademais, co establecemento do principio de estabilidade orzamentaria nas universidades galegas, non só se cumpren senón que se superan os requisitos previstos polo Ministerio. Finalmente, co nomeado Plan de Financiamento compre sinalar que xa se estableceu a necesidade de autorización previa para a contratación de novo profesorado.

Polo que se refire ás medidas propostas polo ministerio para aproximar os prezos públicos ao verdadeiro custe dos servizos académicos, e para establecer o réxime de dedicación do profesorado, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten a intención de analizar a fondo a proposta ministerial. Ambas medidas se modularán dentro das marxes de manobra establecidos, en función das posibilidades e abanos existentes e buscando o consenso coas universidades.