A Consellería de Cultura e Educación apoia o sector editorial na feira do libro de Ferrol

O secretario xeral de Cultura participou hoxe no acto de apertura deste encontro, que se celebra ata o vindeiro martes na cidade ferrolá

A XXIII Festa da Lectura, do Libro e da Palabra de Ferrol abre o calendario de feiras do libro de Galicia en 2012, que tamén chegarán ata os concellos de Santiago, Ourense, Vigo, Lugo, A Coruña e Viveiro

Xov, 19/04/2012 - 20:06

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia seis días de actividades dirixidas ao fomento do hábito lector e á promoción do sector editorial galego a través da feira do libro de Ferrol, que se desenvolve ata o 24 de abril, e que abriu hoxe o pregón do escritor Xosé Neira Vilas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe no acto de apertura deste encontro, “unha iniciativa cultural ben consolidada que celebra este ano a súa vixésimo terceira edición”, dixo. Tal e como explicou o secretario xeral de Cultura, a XXIII Festa da lectura, do Libro e da Palabra de Ferrol é a primeira parada do calendario de feiras do libro de Galicia, que conta este ano cun total de sete citas, en  Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña.

Durante a súa intervención, o secretario xeral explicou que se trata dunha iniciativa “que nos ofrece unha idea excelente do que significa Galicia desde o punto de vista cultural”, ao reunir público lector, autoras e autores, profesionais da ilustración, editores, e libreiras e libreiros, que “crean unha paisaxe de enorme vitalidade, de capacidade e de vontade de ir máis aló, de atravesarmos uns tempos de cambio e aproveitarmos o bo pulo conseguido”.

Deste xeito, Anxo Lorenzo expresou a vontade da Consellería de Cultura e Educación de seguir mantendo o apoio ás feiras do libro de Galicia, en colaboración cos concellos e a federación de libreiros, “como elemento de benestar para a nosa cidadanía, pero tamén como punto de encontro cos libros que nos ofrecen os nosos libreiros, coas historias que prepara a nosa literatura actual e cos nosos autores e autoras”.

Actividades

A XXIII Festa da Lectura, do Libro e da Palabra de Ferrol,que se lle dedica este ano a Rosalía de Castro coincidindo co 175º aniversario do seu nacemento, arrincou hoxe co pregón de Xosé Neira Vilas, un acto no que, ademais do autor e o secretario xeral de Cultura, estivo tamén presente o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o o presidente da Federación de Libreiro de Galicia, Xurxo Patiño. Tras a apertura, Neira Vilas presentou o seu último traballo, 100 anos do himno de Galicia.

As actividades para os colexios comezaron pola mañá, con obradoiro de elaboración de chapas e Fai o teu libro, a cargo de Aspaneps; así como Contos para a igualdade, desenvolvido por La Guaguana. Xa pola tarde o club de chave Ferrolterra organizou xogos populares na praza da Constitución, e houbo varias actuacións musicais a cargo do alumnado do Conservatorio Xan Viaño e do Real Coro Toxos e Flores.

Nos vindeiros días pasarán pola feira as autoras e autores Concha Blanco, Antonio Yáñez, Antón Cortizas, Manuel Bragado, Mario Regueira, Martínez Delgado, Tomás Alonso e Víctor López, Xulio Amigo, Cristina Prieto, Irene Castelos, Carlos de Vilanova, Fran Zabaleta, Juan Sacha Full, Silvia Pérez Tato, Tomás González Ahola, Manuel Loureiro ou Ana Julia Martínez Fariña.

Nenos, mozos e maiores poderán gozar de distintas actividades na feira, desde obradoiros ata charlas coloquios, ademais dos habituais encontros cos autores para a sinatura de libros.

Impulso do hábito lector

A Consellería promove, en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia e cos concellos, as feiras do libro como citas que favorecen o contacto da cidadanía con todo tipo de xéneros literarios e o seu interese pola lectura e polo libro.

Ao mesmo tempo, trátase dunha importante oportunidade para a promoción do sector editorial, nomeadamente no que atinxe á difusión e comercialización do libro galego. Ademais das feiras do libro de Galicia, a secretaría xeral favorece a proxección exterior do sector editorial galego coa participación en feiras internacionais de interese estratéxico para o mercado. Co apoio da Xunta de Galicia, en 2012 o libro galego estivo presente na Feira Internacional do Libro Infantil de Boloña, estes días participa na Feira do Libro de Bos Aires e no segundo semestre do ano tamén estará presente na Feira de Guadalaxara (México).

A vindeira cita do calendario de feiras desenvolverase entre o 28 de abril e o 6 de maio no paseo central da Alameda de Santiago de Compostela.

Menús News node R

Tema