As alumnas supoñen xa máis da metade dos participantes nos programas Club de Ciencia e Stembach

Co gallo do Día mundial da muller e a nena na ciencia, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o CEIP de Laredo en Redondela, un dos 223 centros que participan no Club de Ciencia

Judith Fernández gaba a “singularidade” e a perspectiva “multidisciplinar” do traballo neste colexio, onde acompañan os experimentos científicos con lecturas específicas 

Mar, 11/02/2025 - 17:07
Laredo

As alumnas supoñen xa máis da metade do alumnado participante nos programas Club de Ciencia e Stembach, dúas iniciativas da Xunta para o impulso das vocacións no ámbito da ciencia, as matemáticas, a enxeñaría e a tecnoloxía, e que se enmarcan na Estratexia educación dixital, Edudixital 2030.

En concreto, o Club de Ciencia chega este curso a un total de 17.681 alumnos, o 51% dos cales (8.962) son mozas e nenas e o 49% (8.719) rapaces, de 223 colexios e institutos de Galicia. 

No caso do Stembach, unha modalidade de Bacharelato no que se promove o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares relacionados co pensamento computacional entre outros, este curso participan 53 centros e 1.125 persoas matriculadas das cales o 54,4% (612) son mulleres fronte a 513 homes (o 45,6%). 

Coincidindo coa celebración do Día mundial da muller e da nena na ciencia, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP de Laredo, en Redondela, para visitar o club de ciencia deste centro educativo e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os alumnos ao abeiro desta iniciativa asentada no sistema educativo galego logo de arrancar como experiencia piloto no curso 2016-17 con dez centros. 

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia deste programa para espertar o interese dos rapaces, e especialmente das nenas, pola ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e a investigación “desde idades temperás” e que estas inquietudes se traduzan “nun camiño a titulacións deste tipo xa no eido universitario”.

Así mesmo gabou a “singularidade” do traballo que o alumnado e o profesorado do CEIP Laredo leva a cabo no seu Club de Ciencia onde cada experimento se acompaña dunha lectura específica e acorde coa práctica que se pretende levar a cabo, o que “enriquece” o proxecto desde unha perspectiva “multidisciplinar” onde se mesturan moitos eidos de coñecemento académico e onde a biblioteca escolar tamén xoga un papel esencial. 

Promover capacidades e destrezas

Os Club de Ciencia, que se enmarcan na Estratexia Educación Dixital 2030, fundaméntanse nunha metodoloxía baseada na indagación e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumnado adquire coñecemento mediante un método activo, propoñen as súas propias cuestións e resolven problemas. 

O obxectivo é proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.