Cultura e Educación participa no acto de graduación de estudantes de Formación Profesional do IES de Vilamarín

O centro conta cunha ampla experiencia na formación de profesionais no sector da Hostalería

Xov, 19/04/2012 - 19:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de graduación das alumnas e alumnos dos ciclos da familia profesional de Agraria e a de Hostalería, Turismo e Industrial Alimentarias, e da de  entre os que se atopaba a primeira promoción do ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos.

Cómpre lembrar que a Consellería implantou no curso 2010/2011 por primeira vez este ciclo neste IES, uns estudos que ata o momento só se estaban a impartir en Santiago de Compostela. Desta forma, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad deu resposta a unha demanda histórica do centro, e a oportunidade a alumnas e alumnos de toda Galicia poden realizar estes estudos no instituto ourensán.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asistiu ao acto, no que recibiron os seus diplomas 70 estudantes. O director xeral felicitou ás alumnas e alumnos polo logros acadados sinalando que “os que rematan hoxe a súa andaina neste IES Vilamarín, deixa o centro cunhas competencias que lles facilitarán a súa incorporación ao mundo laboral, un mundo competitivo e globalizado, ao que chegan nun momento difícil”.

Ao tempo que recordou que “a Consellería está a facer unha forte aposta pola Formación Profesional, unha educación orientada á práctica”, e engadiu que “por iso, ter estudado no IES Vilamarín significa aproveitar o carácter práctico das súas ensinanzas e a colaboración pública e privada que permite encamiñar ao alumnado cara a realidade laboral de cada sector. A elevada demanda de ciclos como os de cociña e gastronomía ou o de restauración confirman as bondades desta estratexia educativa. Permitide, sen embargo, que vos dea un consello: conservade a capacidade emprendedora, a creatividade e a innovación que vos caracterizan e que tan ben falan de vós, porque vos servirán como instrumentos para acadar as vosas metas na vida”.

Ampla experiencia

O IES Vilamarín conta cunha ampla experiencia na formación de profesionais no sector da Hostalería. De feito os seus estudantes son referentes nas Olimpíadas da Formación Profesional a nivel galego (Galicia Skills) e nacional (Spain Skills). Neste sentido, o carácter práctico das ensinanzas que se imparten no centro  e a colaboración co sector permite que a formación dos estudantes se encamiñe á realidade do eido profesional no que desenvolverán o seu labor.

Ademais os estudantes participan no salón de gastronomía Xantar, así como no primeiro seminario de turismo e novas tecnoloxías de Ourense, ‘Turistic’, organizado polo propio alumnado do centro.