A Consellería de Cultura e Educación dinamizará a lingua galega en Carral, da man de FalaRedes

A primeira das actividades, O señor das dunas, chegará o sábado pola tarde á localidade coruñesa e a caravana de Galego de cine farao no mes de setembro

Valentín García presentou en rolda de prensa o novo programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acompañado polo titular do concello, José Luis Fernández Mouriño; pola concelleira de Cultura e Participación Cidadá, María José García Fariña e por Xulio Amigo, representante de Merlín Comunicación, unha das empresas xestoras das actividades

Xov, 19/04/2012 - 17:12
A Consellería de Cultura e Educación dinamizará a lingua galega en Carral, da ma
A Consellería de Cultura e Educación dinamizará a lingua galega en Carral, da man de FalaRedes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará nos vindeiros días as actividades gratuítas do seu novo programa de dinamización –FalaRedes- a outro dos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Desta volta, a anfitrioa será Carral, que estreará as actividades programadas nesta localidade o vindeiro sábado ás 18:00 h co espectáculo do Señor das dunas, tal e como anunciaron hoxe o secretario xeral de Política Lingüística e o alcalde.

Segundo explicou Valentín García, “FalaRedes é unha aposta da Consellería de Cultura e Educación por achegarlle á cidadanía unha oferta de actividades ideadas para a Rede de Dinamización Lingüística, que desde hai xa un mes e ata finais de ano fornecerá de 250 actividades gratuítas uns 100 concellos”. “As actividades de FalaRedes complementarán a programación de actividades propia destes concellos, que se irá nutrindo tamén doutras actividades pertencentes aos programas deseñados pola Área técnica da RDL a medida que avance o ano” xa que, en palabras de García Gómez, “aínda que FalaRedes é unha iniciativa exclusiva para a RDL, a propia RDL cobrará protagonismo nos vindeiros meses, nos que botarán a andar as accións planificadas para o ano 2012”.

Valentín García sinalou que “os concellos que hoxe conforma a RDL foron pioneiros na aposta pola posta en marcha dun proxecto amplo dirixido á coordinación e ao aproveitamento das sinerxías e dos recursos na prestación de servizos á cidadanía desde a Administración local”.

15ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral

Tamén Valentín García e José Luis Fernández puxeron de relevo algunhas das iniciativas dinamizadoras impulsadas desde o servizo lingüístico do Concello, nomeadamente o certame anual de poesía que este ano chega á súa 15ª edición e no que colabora a Consellería de Cultura e Educación, en palabras do secretario xeral    “todo un referente xa dentro dos certames literarios galegos no ámbito da Administración local”.

FalaRedes continúa o seu periplo polos concellos da RDL

Ademais de Carral, ‘O señor das dunas’ visitará esta fin de semana os concellos de Oroso, de Vilagarcía de Arousa e de Cambados. ‘Galego de Cine’, outra das actividades de FalaRedes e destinada ao público infantil desprazarase ataGuntín, Outeiro de Rei, Bueu e Soutomaior coa súa caravana convertida en sala de cine, e na que os máis pequenos poderán ver curtas de animación en galego antes de convertirse en estrelas da pantalla a través dun video-matón. Todas as experiencias colgaranse en www.galegodecine.org

Por outra banda, os adolescentes de Lalín, de Ames e de Vilalba, aprenderán as técnicas do hip-hop e os monicreques con Títerehop, unha aposta clara pola dinamización nestas idades. O resultado poderase avaliar no web http://www.youtube.com/titerehop

Todas as novidades sobre o programa FalaRedes pódense seguir a través de http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes ou nas redes sociais.

Menús News node R

Departamento