Cultura e Educación apoia a ‘Primavera Lírica’ organizada pola Asociación de Amigos da Ópera de Vigo

O secretario xeral de Cultura, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, o presidente da asociación e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra presentaron hoxe o programa desta actividade

Xov, 19/04/2012 - 17:07
Cultura e Educación apoia a ‘Primavera Lírica’ organizada pola Asociación de Ami
Cultura e Educación apoia a ‘Primavera Lírica’ organizada pola Asociación de Amigos da Ópera de Vigo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou esta mañá, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Vigo e a Deputación de Pontevedra, a Primavera Lírica 2012, nun acto que tivo lugar no edificio adiministrativo da Xunta de Galicia en Vigo. Trátase dunha iniciativa que conta cun completo programa de actividades organizado pola devandita asociación e que conta co apoio da consellería.

No acto de presentación do ciclo, que se desenvolverá en varios espazos da cidade da oliveira desde o 24 de abril ata o mes de xuño, participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a delegada da Xunta en Vigo, Mª José Bravo Bosch, o vicepresidente da Deputación, José María Figueroa, e o presidentes de Amigos da Ópera de Vigo, Roberto Relova.

O secretario xeral d Cultura destacou durante o acto o apoio da Xunta de Galica a “un programa que promove un xénero sintético e sublime como é a ópera, pero que tamén fomenta a divulgación do traballo dos nosos compositores e intérpretes”. Así mesmo, salientou o amplo conxunto de actividades formativas do programa relacionadas coa ópera, “que complementan a iniciativa e que completan a oferta da música culta”.

Anxo Lorenzo tamén tivo palabras de recoñecemento para Camilo Veiga, a quen se lle dedica no programa de Primavera Lírica 2012 o trixésimo memorial. Sobre o fundador de Amigos da Ópera, o secretario xeral lembrou o importante labor desenvolvido pola promoción cultural de Vigo e da súa contorna. Finalmente, felicitou a asociación “polo traballo realizado durante cincuenta anos a prol do fomento da ópera na cidade da oliveira”.

Así mesmo a delegada da Xunta na cidade olívica agradeceu ao presidente desta asociación o seu esforzo e vontade para sacar adiante esta programación cultural, tan enriquecedora para Vigo.

Programa de actividades

Primavera Lírica 2012comeza a súa andaina o vindeiro día 24, cunha mesa redonda que, baixo o título O espello dun compositor. Eduardo Soutullo, reunirá ao propio compositor, ao crítico musical Arturo Reverter, e ao presidente da asociación, Roberto Relova, no Museo Marco de Vigo.

O día 25 celebrarase no teatro-sala de concertos do centro cultural NOVACAIXAGALICIA a gala lírica Ópera, Zarzuela e Cinco Cantigas, na que se interpretarán romanzas, arias e dúos de óperas e zarzuelas tan coñecidas como La Traviata, Guillermo Tell, ou Madama Butterfly, entre outras. Ademais estrearase nesta gala a obra de Eduardo Soutullo Cinco Cantigas, baseada en Cantigas de Amigo de Martín Códax. A gala contará coa actuación de reputados intérpretes, como a soprano Maria Ruíz, o tenor Mikeldi Atxalandabaso s o pianista Carlos E. Pérez.

Xa no mes de maio celebrarase un obradoiro de ópera, baixo a dirección de Simone Fermani (Conservatorio de Milán) e Francisco Pérez (Conservatorio Superior de Música de Vigo), arredor da obra O Barbeiro de Sevilla. A actividade terá lugar o día 9 no Auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O programa deste mes complétase o día 23 no Museo Marco coa mesa redonda Por Norm”, na que intervirán a soprano María Ruiz, o crítico musical Arturo Reverter, opianista Carlos E. Pérez e o secretario de Amigos da Ópera Vigo, Daniel Diz. Así mesmo, o 24 de maio o teatro-sala de concertos do centro cultural NOVACAIXAGALICIA acollerá a representación da ópera Norma, de Vincenzo Bellini.

Os amigos da ópera poderán reunirse ademais o día 1 de xuño na cena lírica que se celebrará no Salón Rexio del Círculo Mercantil e Industrial de Vigo; e na conferencia Escenas de loucura na Ópera, impartida polo psiquiatra Carlos Delgado Calvete o día 6 de xuño neste mesmo espazo.

O programa de actividades pecharase o 9 de xuño no teatro-sala de concertos do centro cultural NOVACAIXAGALICIA co 30º Memorial Camilo Veiga, interpretado pola coral Casablanca e a orquestra Nessun Dorma. Con este recital homenaxéase a Veiga, fundador da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, cun recital no que se repasarán os grandes coros de ópera de autores como Verdi, Puccini ou Mascagni, así como versións para coro de coñecidas cancións napolitanas.

Menús News node R

Tema