O ensino galego concentra case a cuarta parte dos auxiliares de conversa Fulbright de toda España

O número de profesionais acada este curso un récord histórico, con 665 auxiliares, que contribúen a que Galicia sexa a Comunidade líder en nivel de inglés

O Goberno galego e a Comisión Fulbright manteñen diversas colaboracións para a mobilidade de universitarios e estudantes de ensinanzas artísticas

Xov, 06/02/2025 - 14:29
Fulbright

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a aposta da Xunta “polo plurilingüismo como folla de ruta estratéxica e transversal para todo o noso modelo educativo”. Fíxoo no Encontro Nacional Fulbright España, que se celebra na Cidade da Cultura ata o sábado, no que se reúnen todos os auxiliares deste programa en España e Andorra. Na inauguración estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

“No Goberno galego sentímonos moi orgullosos de ser a Comunidade que concentra o maior número de auxiliares Fulbright, con 40 nos nosos centros, o 22% de toda España”, explicou o conselleiro. Así mesmo, lembrou que o número total de auxiliares de conversa procedentes de distintos programas acada este curso un récord histórico, cun total de 665 persoas prestando apoio ao ensino de linguas estranxeiras nos centros educativos galegos.

Grazas a estas políticas educativas, Galicia é a Comunidade líder en España en inglés e sitúase no nivel alto do mundo segundo o estudo más amplo a nivel internacional en coñecemento desta lingua, o EF.

“A formación en idiomas enriquece tanto o currículo académico como a personalidade e permite ver e entender o mundo a través de novos termos. Desde a Xunta, reivindicamos o papel protagonista das linguas como a mellor vía para o entendemento entre as persoas”, salientou o conselleiro.

Programas de mobilidade

Román Rodríguez explicou que, ademais do programa de auxiliares de conversa, existen outras colaboracións coa Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos.

Ata o momento, preto de 300 persoas que naceron, estudaron ou viviron en Galicia, gozaron dunha bolsa Fulbright para realizar mestrados ou doutoramentos, investigar ou dar clases nos Estados Unidos, dos que 47 son agora profesores nas universidades galegas. Así mesmo, desde o inicio do programa, 35 estudantes e profesores estadounidenses con estas bolsas elixiron Galicia para estudiar mestrados ou investigar. Durante o curso 2024/25, sete estudantes e oito doutores galegos están a gozar dunha bolsa Fulbright en EEUU.

Por outra banda, a Xunta de Galicia e a Comisión colaboran nunha liña de axudas anual para que seis mozos amplíen os seus estudos artísticos en Estados Unidos.

Cita anual

O seminario anual da Comisión Fulbright reúne en Santiago de Compostela a 191 bolseiros estadounidenses que se atopan en España e Andorra este curso, entre  auxiliares de conversa, investigadores predoutorais e postdoutorais e estudantes de mestrado.

O obxectivo destas xornadas é avaliar os proxectos dos bolseiros desde o punto de vista académico e reflexionar sobre a súa experiencia na sociedade española. Con este propósito, os asistentes participan en sesións de traballo sobre os diferentes aspectos da súa estadía no noso país, a súa involucración social e académica, as dificultades superadas e os logros acadados.