A Consellería de Cultura e Educación destina 4.190.000 euros ás liñas de subvencións ao audiovisual e ás industrias culturais

As axudas a producións ou coproducións de longametraxes para cine, televisión e documentais dótanse cun orzamento máximo de 2,9 millóns de euros

As dirixidas ás industrias culturais distribuirán un importe global de 1.290.000 euros entre as modalidades de actividade escénica, crédito-cultura, salas escénicas, distribución e asociacionismo profesional.

A Consellería completa hoxe as convocatorias públicas para a concesión das subvencións aos diferentes sectores culturais que xestiona a Agadic

Xov, 19/04/2012 - 13:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca hoxe as liñas de subvención a producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega, cunha dotación global de 2.900.000 euros, e ás industrias culturais, ás que destina un orzamento de 1.290.000 euros distribuído entre cinco modalidades: actividade escénica, programa crédito-cultura, salas escénicas, distribución e asociacionismo profesional.

Coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 75) de ambas liñas de apoio, a Consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad completa a convocatoria do programa anual de subvencións ao sector cultural que xestiona e financia a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e dentro do que se insire, así mesmo, a nova liña de axudas a festivais escénicos e musicais publicada tamén esta semana por un importe de 360.000 euros. En total, a Agadic destinará un orzamento de 4.550.000 euros ao sector cultural galego a través destas tres convocatorias de subvencións, que comparten como obxectivos fundamentais a salvagarda da produción cultural e o mantemento dos postos de traballo nas empresas culturais.

No que se refire ás subvencións ao audiovisual, a súa prioridade é fomentar a produción e a realización de películas de valor cultural que non poderían ser producidas sen axuda dos fondos públicos e que contribúan á diversidade do panorama cinematográfico galego e europeo. A forma destas axudas é a de subvención a fondo perdido e as porcentaxes subvencionables por parte da Agadic sitúanse entre o 35% e o 50% do investimento da produción correspondente, en función da modalidade na que se inscriba.

Cine, televisión e documentais

A estas subvencións poderán optar varias categorías de proxectos, que deben ser presentados por produtoras independentes domiciliadas en Galicia: longametraxes (longametraxes cinematográficas de animación, ficción ou documental; ópera prima ou segunda longametraxe, e películas para televisión) e longametraxes documentais (de creación ou de difusión cultural). Como criterio común, todas as propostas deberán ser realizadas en lingua galega cun decidido contido artístico e cultural.

 

O prazo de presentación de solicitudes esténdese dende mañá e ata o vindeiro 19 de maio. A partir dese momento, constituirase unha comisión integrada por expertos independentes propostos polas principais asociacións do sector que valorará os proxectos en función da súa contribución cultural e creativa, da utilización de recursos galegos (rodaxe en Galicia e con empresas galegas de servizos) e da súa viabilidade.

 

Nova categoría para a distribución interior

Pola súa banda, as subvencións ás industrias inclúen en 2012 unha nova categoría de apoio á distribución de espectáculos dentro de Galicia e recuperan a modalidade dirixida ao asociacionismo profesional. Un 54,26 por cento do seu orzamento (700.000 euros), resérvase ao apartado deactividade escénica (modalidade A) para a produción de novas montaxes, dentro da que se contemplan cinco subapartados referidos a empresas de nova creación, á produción de espectáculos de pequeno formato, de mediano formato e de gran formato, e á produción de espectáculos de novas tendencias.

A partida para o programa crédito-cultura mantense en 10.000 euros, a través dos que a Agadic busca facilitar o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario cara á produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural, mentres que outros 70.000 euros corresponden á modalidade C, a través da que se promove o desenvolvemento da programación de artes escénicas que levan a cabo as salas de titularidade privada.

O apartado de distribución (modalidade D) incrementa en 150.000 euros a súa dotación respecto a 2011 para situarse este ano en 450.000 euros, introducindo un novo apartado especificamente dirixido á distribución interior, que se suma ás liñas de apoio á distribución dos espectáculos escénicos e musicais galego fóra da nosa Comunidade e á asistencia a feiras e mercados dos diferentes ámbitos culturais. Por último, as axudas ao asociacionismo profesional volven xestionarse este ano a través da convocatoria de axudas ás industrias culturais, cunha dotación de 60.000 euros para este apartado (modalidade E).

O período de presentación de solicitudes finaliza o 19 de maio, agás nas excepcións especificadas para as modalidades B e D. Neses casos, a concesión é automática unha vez certificado que o solicitante reúne todos os requirimentos esixidos. Para o resto, a documentación recibida na forma e prazo establecidos será avaliada por unha comisión.

Menús News node R

Tema