A Xunta contratará máis de 100 novos investigadores predoutorais cunha liña de axudas que supera os 47M€

A Consellería de Ciencia abre, ata o 4 de marzo, o prazo para que profesionais que inician a súa carreira investigadora teñan un contrato estable ata a lectura da tese

En total, este programa autonómico ten en marcha catro liñas de financiamento plurianuais polo que se ofrecen máis de 400 bolsas de apoio científico

Mér, 05/02/2025 - 14:24
Laboratorio químico

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas para contratos predoutorais dotada con máis de 12M€, que financiarán durante catro anos o traballo de persoas xa graduadas que se inician neste ámbito coa preparación da súa tese doutoral. Deste xeito, dáse estabilidade ao seu labor e refórzase a súa formación para desenvolver as habilidades propias dun investigador.

 

Con esta nova inxección, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP eleva o investimento en vigor para os investigadores predoutorais a máis de 47 M€ mediante catro convocatorias plurianuais, todas en vigor, que convocan máis de 400 contratos.

 

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 4 de marzo, permitindo que 102 novos investigadores realicen o seu traballo nas universidades públicas, nos organismos públicos de investigación, nas fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) da nosa Comunidade.

 

Catro anos con estadía no estranxeiro

Estes contratos predoutorais teñen unha duración de catro anos e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. O importe máximo da primeira e segunda anualidade é de 24.600 euros anuais, para o terceiro ano é de 25.200 euros e de 30.600 no cuarto. Esta convocatoria tamén conta cun período de orientación posdoutoral, o que está dotado cun importe máximo de 31.5000 euros anuais. Este período de orientación posdoutoral é para as persoas que lean a tese de doutoramento antes da finalización da duración máxima do contrato e non superará os 12 meses nin o período de catro anos do total do contrato. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.

 

Con esta convocatoria, a Xunta completa nas primeiras semanas do ano un amplo programa de axudas á investigación. Neste momento, están abertas as liñas de axuda para grupos de investigación, predoutorais e posdoutorais, que suman 61 M€.