A Xunta convoca os premios fin de carreira para recoñecer o traballos dos universitarios máis excelentes do 2024

O prazo de solicitude está aberto ata o 28 de febreiro e cada galardoado recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

Mér, 05/02/2025 - 10:58
premios fin de carreira

A Xunta recoñecerá o traballo e excelencia dos universitarios que remataron os seus estudos no 2024 en Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten aberta a convocatoria destes galardóns, aos que destina 413.000€, un 4,4% máis ca o ano pasado atendendo ao incremento de persoas tituladas.

Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3.500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

O prazo de solicitude está aberto ata o 28 de febreiro e presentaranse obrigatoriamente por medios dixitais a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar a esta convocatoria, cuxos detalles poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, os alumnos que rematasen a carreira no curso 2023/24 e cursasen de forma íntegra os estudos da titulación pola que opta o premio no Sistema Universitario de Galicia.

Deberán, ademais, contar cunha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 99 persoas egresadas optarán a un premio; entre 100 e 199 persoas, a dous premios; as que teñan entre 200 e 299, a tres, e as que conten con entre 300 e 399, a catro. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a cinco premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar a seis.