O secretario xeral de Cultura clausura a xornada: Emprendemento nas industrias culturais, celebrada na Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza os encontros que tamén se desenvolveran ata o 26 de abril nos campus de Pontevedra, Santiago e Ourense

Esta xornada foi inaugurada pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e contou coa participación do director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero

Mér, 18/04/2012 - 16:19
O secretario xeral de Cultura clausura a xornada: Emprendemento nas industrias c
O secretario xeral de Cultura clausura a xornada: Emprendemento nas industrias culturais, celebrada na Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de organizar a primeira convocatoria das Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais que se celebran ata o 26 deste mes en campus universitarios galegos.

A primeira xornada, desenvolvida a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración coas tres universidades galegas e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar foi inaugurada hoxe por Beatriz Mato na Facultade de Ciencias da Comunicación do campus da Coruña.

Características básicas

Na conferencia inaugural das xornadas, o director da Agadic (Axencia galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, explicou as características básicas das industrias culturais, salientando que estas abranguen desde o proceso creativo ata a produción, a comercialización, a comunicación e a difusión.

Con respecto ao escenario actual deste sector en Galicia, indicou que pese a crise económica existen unhas grandes expectativas de crecemento que  identifican como obxectivo máximo conseguir duplicar as cifras que hoxe sitúan ás industrias culturais no 2,2% do PIB, con máis de 3.000 empresas,  20.000 traballadores e unha facturación de supera os 1.000 millóns de euros. Como exemplo desta previsión de crecemento, Fasero destacou que o das industrias culturais é un dos poucos sectores no que o número de empresas medrou entre os anos 2009 e 2011.

Cambio de estratexia

Nesta mesma aposta pola expansión, o director da Agadic puntualizou que é necesario un cambio de estratexia que pasa polo fomento da comercialización e da internacionalización dos produtos, un aspecto no que a propia Axencia, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concede axudas ao empresariado galego do sector.

Fasero lembrou así mesmo a boa consideración do traballo dos galegos fóra da nosa Comunidade, tanto no aspecto creativo como no profesional, “como é o caso –dixo- das producións audiovisuais ou musicais, nas que sempre hai equipos galegos traballando a nivel nacional e internacional”.  Neste sentido, engadiu que unha das materias pendentes en Galicia é “crer na nosa calidade” non só como produto, senón tamén na comercialización, na distribución, na comunicación e na difusión. 

Animou, por tanto,  aos universitarios asistentes á xornada a contribuír ao emprendemento nas industrias culturais, xa que “existen aínda numerosos nichos de mercado por cubrir ou cunha escasa traxectoria de explotación”, asegurou.

Oportunidades laborais

Pola súa banda o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de clausurar hoxe o encontro e sinalou que “osector cultural é nestes momentos un sector con oportunidades laborais, con moito autoemprego e, polo tanto, cunha perspectiva de futuro dentro do contexto actual”.

Asemade destacou que “levar a cabo proxectos empresariais nun momento de dificultades económicas quere grandes dotes de creatividade, nos que vós, as novas xeracións, ben preparadas e con ideas renovadoras, ides ter moito que dicir. E non só dentro do ámbito empresarial propiamente do sector cultural e turístico, senón tamén como profesionais ao servizo doutros sectores que poden atopar na cultura, nas artes e na creatividade un valor engadido para os seus servizos e produtos”, ao que engadigu que “espero que as experiencias que coñecestes hoxe da man de profesionais do sector vos resultasen de interese e que teñades azos e valentía para apostar pola innovación, por poñer no mercado propostas singulares que contribúan a esta construción colectiva da Cultura galega”.

A programación

As xornadas continuarán maña en Pontevedra, en concreto na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, e o mércores 25 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais os encontros serán pechados polo conselleiro Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizará a apertura da última das sesións, prevista para o xoves 26 de abril no Campus de Ourense, dentro da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.

Menús News node R

Tema