Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol asinan o convenio para a dotación de equipamento escénico do Auditorio de Ferrol

O conselleiro Agustín Hernández e o alcalde de Ferrol firman a acta de cesión pola que o auditorio pasa a ser propiedade do municipio ferrolán

O importe total deste proxecto ascende a preto de 885.000 euros, dos que 575.000 euros serán achegados pola Xunta e 309.000 euros pola Deputación da Coruña a través dun convenio co Concello de Ferrol

O proxecto de equipamento contempla a colocación de estruturas de apoio, maquinaria escénica, vestido escénico, sistemas de iluminación e electrónica en xeral

A Xunta de Galicia investiu preto de 17 millóns de euros na execución deste auditorio que foi desbloqueada polo actual Goberno galego e rematada tras estar parada máis de dous anos

Mar, 17/04/2012 - 14:05
Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol asinan o convenio para a dotaci
Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol asinan o convenio para a dotación de equipamento escénico do Auditorio de Ferrol

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, asinaron hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente de Deputación da Coruña, Diego Calvo, o convenio para a dotación de equipamento escénico do Auditorio de Ferrol.

O convenio asinado hoxe determina que o importe total deste proxecto ascende a preto de 885.000 euros, dos que 575.000 euros serán achegados pola Xunta de Galicia (400.000 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e 175.000 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e 309.000 euros pola Deputación da Coruña a través dun convenio co Concello de Ferrol. O municipio ferrolán será o encargado de contratar, executar, dirixir, controlar e recibir as obras.

No seguinte cadro amósase a distribución das anualidades correspondentes a cada administración:

Na reunión de hoxe o conselleiro Agustín Hernández e o alcalde de Ferrol tamén asinaron a acta de cesión pola que o auditorio pasa a ser propiedade do municipio ferrolán. O Concello de Ferrol acepta a cesión do equipamento descrito na acta de recepción, comprometéndose dende este acto a sufragar os gastos de explotación, mantemento e condicións de funcionamento do edificio e instalacións, asumindo a titularidade do citado equipamento.

Equipamento escénico

O proxecto de equipamento contempla a colocación de estruturas de apoio, maquinaria escénica, vestido escénico, sistemas de iluminación e electrónica en xeral.

Cómpre sinalar que a acústica do recinto foi proxectada por unha das máis prestixiosas enxeñarías acústicas de España. Cabe citar que dispón dun sistema que permite adaptar as condicións acústicas da sala ao seu uso.

Dende a Consellería de Medio Ambiente indícase que excepto as citadas dotacións escénicas, obxecto do convenio asinado hoxe, o auditorio ten o resto dos seus equipamentos xa instalados. Así, o auditorio conta con butacas para 900 espectadores e o equipamento escénico incluído no proxecto: solo desmontable do escenario, pano cortalume, megafonía, voz e datos.

O responsable de Infraestruturas lembrou que a Xunta de Galicia investiu preto de 17 millóns de euros na execución do auditorio de Ferrol, obra que foi desbloqueada polo actual Goberno galego e rematada tras estar parada máis de dous anos.  A superficie construída desta infraestrutura prioritaria para o actual Goberno galego é de 7.000 m².

Hernández manifestou que hoxe culmínase un longo percorrido iniciado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol encamiñado a dotar á cidade do auditorio que merece.