A Consellería de Cultura e Educación crea unha liña de axudas a festivais escénicos e musicais dotada con 360.000 euros

Convocada a través da Agadic, reserva 180.000 euros para a modalidade de artes escénicas e outros 180.000 para a de música

Os criterios de avaliación refírense ao programa e viabilidade dos proxectos, que deben ser de carácter profesional e de interese estratéxico do sector, así como á súa traxectoria nas últimas edicións

As bases publícanse hoxe no DOG e o prazo de solicitude finaliza o 18 de

Mar, 17/04/2012 - 11:36

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre unha nova liña de subvencións dirixida a apoiar festivais artísticos de carácter profesional e de interese estratéxico para os sectores escénico e musical. O orzamento total destas axudas é de 360.000 euros, que serán distribuídos ao 50 por cento entre as modalidades de artes escénicas e de música.

Xestionada e financiada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) sitúa en 50.000 euros a contía máxima que poderá adxudicarse a cada iniciativa subvencionada, sempre que non supere o 30% do seu orzamento total. O número de proxectos apoiados e os importes concedidos determinaranse en función da dispoñibilidade orzamentaria, do custo dos festivais e da puntuación obtida tras aplicar unha serie de criterios de avaliación referentes ao seu programa, viabilidade e traxectoria. O prazo de solicitude esténdese ata o día 18 do vindeiro mes de maio.

Requirimentos

Estas subvencións diríxense especificamente a aqueles festivais  de iniciativa privada ou municipal que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2012, que xa teñan realizadas dúas edicións anteriores e que conten cun orzamento total mínimo de 50.000 euros, dos que polo menos 15.000 euros deben estar destinados a contratación artística.

Os requirimentos esixidos refírense tamén á composición dos seus carteis, nos que deben figurar seis ou máis formacións artísticas e nos que as compañías ou grupos maioritariamente integrados por artistas residentes en Galicia suporán un mínimo do 20% do investimento en contratación ou do 30% do total de actuacións que se ofrezan. Ademais, o acceso debe ser con entrada de pago para un mínimo do 30% dos espectáculos programados.

Coa posta en marcha desta nova liña de axudas, a Consellería de Cultura e Educación busca optimizar os recursos públicos destinados a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para apoiar os festivais galegos sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios cuantificables obxectivamente, así como da valoración do interese, singularidade e relevancia artística e cultural das súas carteleiras, que non poderán incluír funcións contratadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Valoración dos proxectos, viabilidade e traxectoria

Na avaliación dos proxectos, terase en conta asemade a especialización da programación; as producións, coproducións ou residencias artísticas no marco do festival; a inclusión de estreas ou presentacións de discos, a súa contribución á captación e creación de novos públicos, a organización de actividades complementarias e o plan de comunicación.

En canto ao estudo da viabilidade do proxectos, contabilizaranse as porcentaxes de actividades de pago, de subvención solicitada con respecto ao orzamento total do proxecto e de achega de fondos propios ou de patrocinios privados no conxunto do investimento total.

Valorarase, así mesmo, a traxectoria dos festivais tomando en consideración os datos relativos ás tres últimas edicións no que se refire á media de espectadores, nivel de ocupación, porcentaxe de espectadores respecto do número de habitantes do concello e premios e recoñecementos obtidos.

Menús News node R

Tema