A Consellería de Cultura e Educación homenaxea a Celso Emilio Ferreiro cun concerto na súa vila natal de Celanova

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, asistiu a esta gala, na que se musicaron os versos do autor e se ofreceron recitais e proxeccións audiovisuais que recuperan a obra e a figura do poeta

A Consellería, en colaboración co Concello, promoveu este evento no marco do programa de actividades que está a desenvolver para celebrar o centenario do nacemento do poeta

Ven, 13/04/2012 - 20:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á homenaxe promovida pola Consellería a Celso Emilio Ferreiro na súa vila natal de Celanova, cun concerto no que, ademais de actuacións musicais, se ofreceron recitais en directo e diversas proxeccións audiovisuais que afondaron na achega que Celso o autor lle ofreceu a Galicia, tanto no plano creativo como para a construción social colectiva.

A este acto celebrado no Auditorio Municipal de Ilduara de Celanova (AMIC), no marco do programa de actividades que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a promover para celebrar o centenario do nacemento do poeta, asistiron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero.

Actuacións e proxeccións

O concerto, que estivo aberto á participación de toda a cidadanía con carácter gratuíto, contou coas actuacións musicais de María do Ceo, de Luís Emilio Batallán e de Davide Salvado, así como con recitais poéticos a cargo do escritor Luís González Tosar e mais de escolares de Celanova.

Ademais proxectáronse diversos vídeo-poemas, coa obra de Celso Emilio Ferreiro como protagonista a través da voz de diferentes persoeiros, entre eles María do Carme Krückemberg, Isaac Díaz Pardo, Miro Casabella, Míchel Salgado, Manuel Manquiña, Ibrahim Lang e mais a muller e a filla do poeta homenaxeado, Moraima e Isabel Ferreiro, respectivamente.

A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Celanova promoveron este concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, que tamén conta coa colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro e da Deputación Provincial de Ourense, no marco da homenaxe ao poeta co gallo do seu centenario, e co fin de achegar á cidadanía a obra do autor celanovés, favorecendo ao tempo un afondamento na reflexión sobre a súa traxectoria vital e profesional.

Cómpre salientar que, tal e como explicou o secretario xeral de Cultura na presentación deste concerto, o vindeiro mes de xuño a Consellería tamén celebrará en Vigo un espectáculo musical de homenaxe ao poeta.