Educación convoca por primeira vez máis de 3.000 prazas para a aprendizaxe de linguas estranxeiras no 2010, un 16% máis que o ano pasado

Como novidade este ano realizáranse cursos no primeiro trimestre do curso 2010- 2011, a maiores dos que se desenvolverán desde xuño ata finais de agosto

Xov, 11/02/2010 - 08:59

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria de 3.077 axudas para os alumnos e alumnas que queiran realizar actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras no 2010.

Con esta convocatoria a nova Xunta demostra o seu interese pola formación en idioma do alumnado galego, incrementando en 427 o número de prazas respecto do ano pasado. Isto supón un aumento do 16% respecto do ano pasado, e alcanza a cifra máis elevada desde a creación dos programas de aprendizaxe de outros idiomas.

Estas cifras acádanse grazas a mellora da xestión dos recursos económicos realizada pola Consellería, que con menos orzamento que en 2009 da esta valiosa oportunidade de mellora das competencias en linguas estranxeiras a máis estudantes. Educación esta a traballar nestes modelos educativos a través dos que se garante a calidade dos cursos impartidos e o nivel educativo para os alumnos e alumnas galegos.

Esta convocatoria está incluída dentro dos modelos nos que está a traballar o novo goberno da Xunta de Galicia para a mellora na competencia de linguas estranxeiras. Este plan, en liña coas recomendacións do Consello de Europa en materia de linguas, establece entre as súas finalidades fomentar o coñecemento de idiomas co obxecto de que o alumnado galego adquira unha competencia plurilingüe. Respecto ás medidas recollidas polo plan, unha das súas principais accións é a promoción e desenvolvemento de estadías de escolares galegos e galegas noutros países, co fin de crear no alumnado a necesidade de empregar idiomas para comunicarse e para utilizalos en contextos reais, poñendo en valor a educación desde unha perspectiva intercultural.

Oportunidade de mellora

A oportunidade que da a Consellería de aprender e mellorar os coñecementos en inglés, francés e alemán está destinada a os estudantes de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria; e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos da comunidade autónoma de Galicia.

Para poder optar a estas axudas será preciso ter superadas todas as asignaturas do curso 2009- 2010. Ademais establecese que os seleccionados teñan unha cualificación mínima na lingua estranxeira na que se vai a perfecionar a estadía.

Destinos

No caso de Canadá a estadía terá unha duración de tres ou catro semanas. En total serán 420 estudantes de 1.º e 2.º de bacharelato os que terán a ocasión de viaxar ao continente americano. Trescentas vinte prazas son para aqueles estudantes que opten polo inglés, mentres que o outro centenar que escolla francés poderá estar durante tres semanas en Canadá. O custo por cada alumno será de entre 2250 e 2.850 euros, dos que as familias achegarán entre 310 e 350 euros.

Os que fagan os cursos de inglés no continente europeo serán 920 alumnos matriculados en 3.º e 4.º de ESO, que se distribuirán entre Irlanda e Reino Unido, tamén en quendas de tres semanas. Neste caso, o custo por alumno será de entre 1.400 e 1.890 euros, dos que cada alumno ou alumnas achegará tan só de 150 a 175 euros. O 300 seleccionados para estudar francés no país galo terán as mesmas condicións económicas. A estes engádense 12 alumnos e alumnas que mellorarán os seus coñecementos en alemán durante un curso de tres semanas.

Por outra banda 200 alumnos e alumnas de 2º de ESO melloraran as competencias en inglés asistindo a un ''Pueblo Inglés'', cun custe de 1.400 euros do que os pais abonaran 150 euros. Para os estudantes de 1º de ESO haberá 395 prazas para as clases de inglés que se impartiran durante dúas semanas noutras comunidades autónomas, nas que se aloxarán nunha residencia ou campamento. O custo é de 1000 euros e as familias contribuirán con 120. Do mesmo modo, 850 prazas están destinadas para os alumnos de 6º de Educación Primaria que realizarán o curso dentro de Galicia, cun custo de 500 euros, as familias só aboarán 60.

As novidades de 2010

Por primeira vez esta ano non so se realizaran as actividades entre xuño e agosto, senón que tamén se desenvolvera unha quenda no primeiro trimestre do curso 2010-2011, e que permitirá aos nenos e nenas galegos vivir máis de cerca o sistema educativo noutro país, xa que estarán dentro das rutinas dos estudantes estranxeiros.

Os beneficiados destas achegas terán cubertos o gastos dunha viaxe na que estarán acompañados por monitores e monitoras, así como os gastos de docencia e material escolar, as actividades deportivas, culturais e complementarias dos cursos. Tamén terán cubertos os gastos de mantemento e aloxamento.

Os interesados deben inscribirse na dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas para a mellora en idiomas.

O propósito do ambicioso programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras non é só que os asistentes aprendan inglés, senón que este idioma o apliquen durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlles unha formación lingüística, social, cultural e ambiental aos alumnos.

Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes teñan unha grande inmersión idiomática, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos de diversas nacionalidades, de modo que practiquen o idioma e que convivan con diferentes culturas.

Ao igual que acontece nos campamentos, dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse lingüisticamente, pero tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos vivirán con familias ou en residencias e todos terán a oportunidade de desenvolver actividades fóra das aulas, nas que se inclúen excursións, veladas lúdicas, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.

Con esta convocatoria a Consellería de Educación fai unha nova demostración do seu interese de formar aos estudantes galegos nos coñecementos dunha terceira lingua que complemente os estudos do curso escolar.