O secretario xeral de Cultura visita a Biblioteca Pública de Santiago, que recibiu máis de 300.000 visitantes no último ano

O centro bibliotecario, que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abriu novos servizos nos últimos meses, entre os que destacan o préstamo de portátiles e o de libros electrónicos

Lun, 09/04/2012 - 18:50
O secretario xeral de Cultura visita a Biblioteca Pública de Santiago, que recib
O secretario xeral de Cultura visita a Biblioteca Pública de Santiago, que recibiu máis de 300.000 visitantes no último ano

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta mañá a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, que acaba de celebrar o seu cuarto aniversario no novo edificio da avenida Xoán XXIII. Da man da súa directora, Carina Fernández, o secretario xeral tivo ocasión de coñecer todos os servizos que lles ofrece aos seus 22.372 socios e socias este centro bibliotecario, que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Entre eles atópanse novos servizos que se abriron no último ano para atender as solicitudes dos usuarios e usuarias, como o préstamo de portátiles, de libros electrónicos e dos aparellos para a súa lectura. Tamén se inaugurou recentemente o proxecto Biblioteca accesible, que inclúe unha colección de libros e mais equipamento dirixidos á parte da poboación que ten algunha dificultade para acceder á información tal e como se presenta habitualmente.

O resto dos servizos seguiron ampliándose e mellorando. Con este obxectivo, reforzouse o autopréstamo con novas máquinas e continuouse co servizo de extensión bibliotecaria, que consiste en achegarllea biblioteca á cidadanía fóra das instalacións do centro. Así, a biblioteca estivo presente no último ano na Feira do Libro de Santiago, na praza de Cervantes e tamén na praza de Abastos, a través do proxecto Bibliomercado.

Máis de 300.000 visitas

Ademais, a biblioteca constata durante o último ano un incremento no uso dos servizos e na presenza de visitantes no edificio. O número de visitas superou as 300.000 e o número de novos socios e socias inscritos foi de 4.436, co que suman xa un total de 22.372. No que respecta aos préstamos, tamén se reflicte un aumento do 14%, ao pasaren de 153.061 a 175.023.

Actividades para todos os públicos

A aposta pola oferta de actividades de animación á lectura e de dinamización cultural supuxo a posta en marcha na biblioteca de 375 iniciativas para todos os públicos no último ano, nas que participaron máis de 8.000 persoas. Actualmente, a biblioteca acolle unha mostra interactiva sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro que poderá visitarse ata o 13 de abril. A iniciativa, que promove a Consellería de Cultura e Educación no marco do Ano Celso Emilio Ferreiro, tamén percorrerá o resto de bibliotecas nodais de Galicia nas próximas semanas.

Novos materiais para a colección

Ademais, a colección da biblioteca aumentou no 2011 con 16.603 documentos novos (audiovisuais, documentos sonoros e electrónicos, e libros). O total de exemplares ascende a 121.519, nos que se inclúen libros, materiaisaudiovisuais, partituras, mapas, revistas de temática diversa e xornais galegos, estatais e internacionais. 

O secretario xeral de Cultura está a coñecer de primeira man a actividade das bibliotecas nodais de Galicia. Con este obxectivo tamén visitou a de Pontevedra e mais a da Coruña, e continuará o seu percorrido nas próximas semanas polo resto de centros bibliotecarios que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Menús News node R

Tema